Comezaron as obras de acondicionamento no barrio de San Miguel de Ribadeo
O Concello iniciou as obras de acondicionamento no barrio de San Miguel, que supoñen un investimento de 46.000 euros e un prazo de execución de dous meses. Estes traballos iniciaranse estes días e rematarán a comezos do mes de decembro.
Este barrio está sen actualizar desde os anos 80 e atopase en mal estado polo que dende o Concello din que "levamos un tempo recollendo moitas demandas da veciñanza desta zona". Estas obras son a primeira fase das que se acometerán neste barrio, xa que xa se está traballando para poder actuar no resto.
As actuacións que contempla este proxecto inclúen o aglomerado das vías deste barrio de San Miguel e da rúa Antonio Rodríguez Darriba, xunto coa colocación de mobiliario urbano (bancos e papeleiras), a mellora na sinalización horizontal e vertical e tamén a humanización do espazo coa plantación de varias árbores. E ensancharase o corredor lateral de Antonio Rodríguez Darriba, aplicarase un rego de imprimación nos tramos asfaltados previo á capa de aglomerado asfáltico.
Estas actuacións servirán para mellorar esta zona, tanto para a veciñanza como para os visitantes, xa que se trata dunha importante zona de paso cara ao Cargadeiro e cara a estrada do Faro e tamén para o porto.