Comezan as obras de renovación integral da rúa Reinante en Ribadeo

AMariñaXa
A actuación, cun investimento de 89.000 euros financiados maioritariamente pola Xunta, permitirá mellorar o firme, as redes soterradas e o alumeado nunha das vías máis transitadas da vila
rua-reinante-ribadeo-2025
20 Jan 2026

O Concello de Ribadeo vén de iniciar as obras de mellora da rúa Reinante, unha intervención que contará cun investimento total de 89.000 euros, achegados na súa maior parte pola Xunta de Galicia e complementados con fondos municipais. Trátase dunha actuación integral que busca resolver os problemas estruturais dunha vía que presentaba un notable deterioro e que constitúe un dos principais eixos comerciais do municipio.

O alcalde, Dani Vega, explicou que os traballos xa en marcha contemplan a demolición da zona central da rúa para executar un novo movemento de terras, sobre o que se aplicará formigón e un novo pavimento de lastra. Ademais, a intervención inclúe a renovación das redes de pluviais e do abastecemento de auga, co obxectivo de garantir un correcto funcionamento das infraestruturas soterradas.

O rexedor subliñou a importancia de actuar de maneira completa cando se acomete unha reforma deste tipo. Segundo indicou, non abonda con renovar a superficie se non se resolven previamente as deficiencias existentes baixo o firme, xa que iso podería xerar problemas a curto prazo. Por este motivo, a actuación na rúa Reinante abrangue tanto a parte visible como as instalacións subterráneas, desde a base ata o acabado final.

Os traballos inclúen tamén a substitución do lastra existente por un novo, así como actuacións nas zonas laterais, onde se revisará e arranxará a plaqueta danada, asegurando a súa correcta fixación. Do mesmo xeito, está prevista unha mellora do equipamento urbano e do sistema de alumeado público, co fin de ofrecer unha imaxe máis coidada e funcional da rúa.

Dani Vega destacou que esta actuación responde á necesidade de mellorar unha rúa con elevada afluencia peonil e comercial, cuxo estado transmitía, segundo indicou, unha sensación de abandono. O alcalde lembrou que desde a chegada do actual goberno municipal se vén traballando nunha planificación de investimentos para actuar progresivamente en distintos puntos do municipio, sempre atendendo a criterios de responsabilidade orzamentaria e de boa xestión.

Neste sentido, avanzou que a rúa Reinante é unha das primeiras intervencións nun conxunto máis amplo de actuacións previstas en vías que presentan deficiencias desde a súa execución inicial. Entre elas, mencionou outras zonas que levan tempo sen unha reforma integral, como o coñecido como canellón da zona vella, tamén denominado rúa da Paz, para o que o Concello xa está a realizar trámites cos servizos de patrimonio da Xunta de Galicia.

O alcalde puxo en valor a colaboración institucional, sinalando que esta obra é posible grazas ao financiamento autonómico, cunha achega menor por parte do Concello. Finalmente, asegurou que o goberno local continuará traballando na mellora das rúas de Ribadeo, xestionando os recursos dispoñibles para favorecer o avance e a modernización da vila.

⚙ Configurar cookies
0.13516116142273