Comeza unha nova edición de Camiño Escena Norte 2026 en 6 comunidades do norte do Estado

Foz
GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Leva tres espectáculos galegos a nove concellos doutras comunidades e trae a Galicia 10 funcións co apoio da Xunta
presentacio-camino-escena-norte
9 Sep 2026

Regresa Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa oitava edición e que desenvolverá a súa programación do 18 de setembro ao 15 de novembro de xeito simultáneo en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. O seu principal circuíto de exhibición, Itinerario Constelacións, reúne nesta ocasión 18 compañías, tres por cada comunidade participante, seleccionadas por comisións profesionais independentes e que por parte galega serán Ártika Cía., Teatro de Ningures e Teatro O Cubo.

A programación de Camiño Escena Norte en Galicia desenvolverase entre o 26 de setembro e o 30 de outubro en nove localidades das provincias da Coruña e Lugo: Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo. Serán 10 funcións de teatro para público adulto e familiar, monicreques e ilusionismo a cargo de compañías procedentes de Asturias, Euskadi, Navarra e A Rioxa.

Nueve Lunas Teatro, da Rioxa, levará a Foz e Sarria Juana I de Castilla, unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Outes representarase 52 Hercios, de Ados Teatroa (Euskadi), unha proposta coral sobre a soidade non desexada que toma como punto de partida o canto dunha balea que queda fóra da frecuencia da súa especie. A compañía asturiana El Callejón del Gato chegará a Negreira e Arzúa con El gato con botas de agua, unha visión contemporánea do conto infantil, mentres que Saltantes Teatro, tamén de Asturias, presentará en Lugo e Santiago La balada del norte, adaptación escénica da novela gráfica de Alfonso Zapico arredor da memoria e do conflito de clases durante a revolución de 1934. Ribadeo acollerá unha dobre función de 3 elementos, espectáculo de ilusionismo inmersivo e multisensorial para todos os públicos da compañía navarra Hodei. O percorrido galego pecharase en Vimianzo o 30 de outubro con ¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi), unha dramaturxia arredor das presións na infancia e dunha sociedade excesivamente esixente.

En paralelo á chegada destas propostas, Ártika Cía., Teatro de Ningures e Teatro O Cubo serán as tres formacións encargadas de representar Galicia no Itinerario Constelacións. Ártika xirará con Non pasarán por Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (Euskadi) e Corvera (Asturias); Teatro de Ningures levará As gardiás, ou o nó do tecelán, Premio da Crítica de Galicia 2025, a Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias); e Teatro O Cubo presentará Voo en Zarautz e Sopela, en Euskadi, e en Xixón, neste último caso no marco do festival Danza Xixón.

Camiño Escena Norte está promovido polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Escena, ESNA e AEscena. Xunto ao Itinerario Constelacións, desenvolve o programa paralelo Camiño Expandido, que este ano centra o seu foco en Asturias e que inclúe accións en centros educativos e colaboracións con programas culturais, ademais dunha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, do 21 ao 23 de setembro en Xixón. Nesta oitava edición, o proxecto adopta o lema Latexos Escénicos, arredor do encontro e da enerxía compartida a través das artes vivas.

0.16349387168884