Comeza un novo obradoiro de emprego xuvenil en Ribadeo e Barreiros

AMariñaXa
Está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha achega de 438.600 euros
Obradoiro-emprego-Ribadeo
1 Out 2024

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na inauguración dun novo obradoiro de emprego para menores de 30 anos que comeza en Ribadeo e Barreiros. Está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha achega de 438.600 euros. O programa, denominado Máis Emprego, conta con 16 alumnos e alumnas que se formarán e realizarán actuacións de interese público en dúas especialidades con boa saída laboral.

Unha está centrada no mantemento de xardíns e a outra na programación de accións culturais. Cada unha conta con oito participantes, que durante os 12 meses de duración do taller contarán cun contrato de traballo. As accións proxectadas inclúen o acondicionamento de zonas verdes en máis dunha vintena de puntos dos dous concellos. En Ribadeo traballarán no Forte de San Damián e nos parques de San Francisco e dos Indianos, entre outros; mentres que en Barreiros ademais de mellorar diferentes espazos crearán unha nova área verde xunto á zona escolar de San Cosme.

Deste xeito, Ribadeo actuará nos parques, xardíns e rotondas e programará accións culturais para contribuír á dinamización do rural. O alcalde, Dani Vega, declarou que “Ribadeo e Barreiros apostan pola formación e polo emprego. Creo que é algo a destacar. Dous concellos, evidentemente, dous gobernos de distinta cor, pero que están xuntos non importante: traballar polos seus municipios, apostar pola formación e apostar pola unha busca activa do emprego”.

Para Vega “apostar pola formación é algo moi importante, utilizar os obradoiros como obxecto de busca activa de emprego eu creo que é algo a subliñar. Dende logo, cando estivemos cos alumnos dixémoslles que a formación é importante, que non poden entender un obradoiro como un tempo onde hai un soldo e nada máis. Temos que dicírllelo e eles teñen que entender que é unha oportunidade formativa para esa busca de emprego”.

En canto ao módulo de dinamización cultural, impulsará o proxecto Ribadeoxcultura, que ten entre os seus obxectivos potenciar a identificación dos ribadenses co seu municipio, difundir a súa riqueza patrimonial e poñer en valor a historia e as singularidades dos diferentes barrios. Tamén revisarán o catálogo de actividades socioculturais que se desenvolven nas parroquias de Ribadeo e Barreiros para definir novos criterios e propostas; e deseñarán o programa de animación física e deportiva Paseando pola vida, con accións para fomentar o deporte e a vida saudable entre a veciñanza.

Arias destacou que “os obradoiros melloran a cualificación profesional e a empregabilidade das persoas demandantes de emprego”. Subliñou que en Ribadeo e Barreiros acaba de rematar outro taller xuvenil tamén financiado pola Xunta centrado no sector dos coidados. Ademais, en breve comezará o obradoiro dual Constrúe en verde, que durará nove meses e mellorará a formación e as perspectivas laborais doutras 20 persoas desempregadas – neste caso non vai dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos senón que se priorizan colectivos con especiais dificultades de inserción -.

0.18520092964172