Comeza o VI Campus de Emprendemento Sostible da Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
Un total de 11 emprendedores comezaron este luns o VI Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, co seminario Campus de maduración da idea empresarial, que arrincou hoxe no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Paseo do Río Rato, e que se prolongará ao longo de 4 xornadas.
11 Mar 2019

Un total de 11 emprendedores comezaron este luns o VI Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, co seminario Campus de maduración da idea empresarial, que arrincou hoxe no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Paseo do Río Rato, e que se prolongará ao longo de 4 xornadas. Estas sesións de balde son a última fase para que os participantes poidan poñer en marcha novas empresas dentro dos territorios da Reserva da Biosfera lucense, xa que as sesións están dirixidas a persoas que xa teñen unha idea ou proxecto avanzado de negocio. Dende hoxe ata o vindeiro 14 de marzo, os participantes recibirán formación especializada sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira das súas ideas empresariais.
Estes negocios están enfocados a diferentes actividades, co denominador común de manter prácticas respectuosas co medio ambiente. Con esta experiencia, os participantes poderán afondar un pouco máis nas súas ideas empresariais e comparar experiencias que lles axudarán a analizar a viabilidade dos seus proxectos.
Unha vez finalizado o Campus, os emprendedores contarán con titorías de asesoramento personalizadas, coas que poderán continuar o traballo iniciado, para poñer en marcha as súas ideas de negocio.
O VI Campus de Emprendemento Sostible desenvolverase tanto en Lugo como en Cervantes. Os cursos de motivación empresarial terán lugar o 20, 21 e 22 de marzo (no Centro de Interpretación Terras do Miño), no Paseo do Rato; e o 25, 26 e 27 de marzo (no Edificio de Servizos Múltiples) en Cervantes. Son en total 30 prazas, 15 para cada seminario, para emprendedores que queiran recibir accións formativas teóricas e prácticas sobre como crear unha empresa en calquera dos concellos que integran as dúas Reservas da Biosfera.
As sesións formativas que terán lugar no Centro de Interpretación do 20 ao 22 de marzo estarán especialmente dirixidas ao profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como Economía, Empresa e iniciativa emprendedora ou Formación e Orientación Laboral. En función das prazas libres, tamén poderá participar o persoal docente do resto da provincia, interesados en estimular o espírito emprendedor a partir das competencias chave da materia que imparta.
Todas as persoas interesadas no curso que se celebrará no Concello de Cervantes, para os emprendedores da zona dos Ancares, ou os que desexen participar no que se levará a cabo no Centro de Interpretación Terras do Miño, aínda poden facer a súa solicitude de inscrición a través da web da Deputación, www.deputacionlugo.com, cubrindo o formulario en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/ou chamando ao 982 227 813.
 

0.13377714157104