Comeza en Ribadeo a Illa Pancha Challenge
Ribadeo acolle hoxe, a partir das 11.00 horas, unha nova edición do Illa Pancha Challenge, o que é sen dúbida o evento de surf má s desafiante que se realizou en Europa ata o momento.
Segundo indican nos expertos, nesta competición, a onda alcanza facilmente os 18 metros de altura, que debido aos seus fondos de lastras, provoca un tubo só antes visto en Hawai ou Australia.
O surfeiro profesional Eric Rebiere lidera este evento para conseguir traer aos mellores surfeiros de ondas xigantes do mundo como Lucas Chumbo e Andrew Cotton.
O formato do campionato deste ano é unha sesión libre onde todos os atletas poden elixir as ondas que queiran de 11:00 da mañá a 4:00 da tarde.
De aí alexiranse os campións das seguintes categorías, After Surf premio ao Mellor Equipo; Cabreiroá premio ao Mellor Tubo; Deputación de Lugo premio á Onda Máis Grande; Hotel Mi Norte premio á Mellor Performance Feminina; Mellor Equipo Español, e Peor Wipeout (a caída máis gorda)
Debido ás medidas sanitarias actuais, o evento celébrase sen público pero pode seguirse ao vivo na web de Aftersurf ( https:// after.surf ), as canles de difusión da plataforma Xigantes de Nazaré e na canle de Youtube de Illa Pancha Challenge.
VOCES EN CONTRA
Acisa Ribadeo aclara que nin organiza nin colabora co Illa Pancha Challenge e recomenda que non se celebre neste momento, dada a crise sanitaria pola que están a atravesar Galicia e España.
O presidente e o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte e Jesús Pérez, sinalan que “tras as informacións que vimos publicada en diversos medios de comunicación e en redes sociais, onde nalgunha ata se nos nomea, non sabemos a título de que, queremos deixar claro que Acisa Ribadeo non ten ningún vínculo con este evento”.
Presidente e xerente subliñan que “non temos nada en contra do Panchorro, en absoluto, é un evento que noutro ano puido traer a moita xente e serviu para dar unha imaxe internacional de Ribadeo e que por tanto é moi útil. Pero agora mesmo e debido ás circunstancias polas que estamos a atravesar non debería celebrarse”.