Comeza a reparación dos camiños do parque Pernas Peón, en Viveiro

AMariñaXa

Comeza a reparación e reconstrución dos camiños do parque Pernas Peón, en Viveiro, pois presentaban desperfectos provocados polos temporais do inverno.

miriam_bermudez_viveiro
miriam_bermudez_viveiro
18 abr 2024

Comeza a reparación e reconstrución dos camiños do parque Pernas Peón, en Viveiro, pois presentaban desperfectos provocados polos temporais do inverno. Logo da mellora da situación meteorolóxica, os traballos están a ser executados pola empresa viveirense Rolle Forestal.

Aproveitarase a situación para “facer os camiños máis anchos, cun aporte de areón para que queden ben debuxados e a herba non lles vaia comendo terreo, e cunha pendente para que a auga non apoce”, sinala Míriam Bermúdez, tenente de alcaldesa de Viveiro. A tamén responsable das áreas de Medio Ambiente e Obras lembra que o parque vai ser obxecto dunha renovación moito máis ampla, “para a que xa recollemos as aportacións da veciñanza mediante unha enquisa”.

Para o proxecto conseguiuse unha subvención de 105.897,25 euros, polo que están preparando o prego para poder sacalo a licitación. Como parte desta futura renovación vanse “quitar barreiras arquitectónicas, mellorar a accesibilidade, naturalizar a zona e permeabilizar a fronteira norte do parque para crear así un acceso máis fácil desde e cara á praia de Covas”, conclúe.