Comeza a construción dunha área recreativa en Vilapena
O Concello de Trabada comeza de dúas obras nas parroquias de Vilapena e Vidal. Por unha parte, comezou a construción dunha área recreativa en Vilapena, situada no comezo da ruta de sendeirismo de dita parroquia. O orzamento da actuación ascende a 30.000 euros. “Con esta obra, ampliamos a nosa rede de áreas recreativas; ademais, a cercanía da parcela a unha das rutas de sendeirismo máis importantes do concello pon en valor a súa conversión en área de descanso para veciños e visitantes”, explica o alcalde de Trabada, Rubén García.
Por outra parte, comezaron os traballos de renovación da vivenda da antiga escola de Vidal, unha actuación que ascende a máis de 50.000 euros para facer unha reforma integral do interior do inmoble. “Destinaremos este inmoble a uso público e social na parroquia”, engade o alcalde.
Ambalas dúas actuacións podense levar a cabo gracias a que se conseguiron dúas subvencións solicitadas polo concello a Turismo de Galicia e ao Instituto Galego de Vivenda e Solo. “Continuamos con actuacións en diferentes parroquias do noso concello, mellorando Trabada con novos proxectos e actuando en todo o territorio”, remata Rubén García.