Club de Tiro San Roque: 49 anos de tradición e competición

Por Ana Somoza.
O Club de Tiro San Roque de Viveiro naceu oficialmente en febreiro de 1977 grazas ao esforzo dun grupo de afeccionados ao tiro ao prato. Tal e como lembra Juan Casabella, actual presidente, “unha directiva con visión de futuro decidiu mercar uns terreos en San Roque e crear dúas canchas de foso olímpico, pioneiras na provincia de Lugo”. Este feito consolidou ao club como unha referencia na zona, sendo hoxe o único campo destas características en toda a provincia.
Casabella sinala que, en Galicia, con canchas de foso olímpico só contan Santiago de Compostela, As Pontes, e o Viveiro, o que lles permite organizar tiradas oficiais da Federación Galega de Tiro e ter un peso específico moi relevante dentro do deporte. “Froito do esforzo da xente que empezou, hoxe podemos dicir que temos unhas instalacións que son un orgullo para Viveiro e para toda a comarca”, engade.
O impulso inicial para crear o club naceu da paixón polos deportes de tiro. Casabella explica que era xente que xa practicaba o tiro ao prato e ao pichón, pero que carecía dun espazo estable e seguro: “Era xente que quería contar cun lugar preparado para practicar con garantías e fomentar o deporte na zona”. No seu caso persoal, comenta que entrou no club no ano 2000 por cuestión familiar: “O avó da miña muller foi socio fundador e o meu sogro estivo na directiva, e pouco a pouco foi meténdome o verme deste deporte”. Non obstante, tamén destaca un aspecto que preocupa ao club desde hai anos: a falta de relevo xeracional. “É moi custoso para un rapaz novo iniciarse neste deporte se non ten alguén da familia que xa o practique. A burocracia, os exames, os psicotécnicos e o custo económico do material son un freo importante”, asegura Casabella.
EVOLUCIÓN. Os primeiros anos do club foron humildes. Tal e como lembra o presidente, “comezamos cun foso pequeno e cinco máquinas manuais”. Naquel tempo, a tecnoloxía era moi limitada: había un xerador eléctrico, un botón para lanzar os pratos e unha persoa que cargaba os pratos manualmente.
“Ou nos adaptabamos aos tempos ou o club estaba condenado a desaparecer”, sinala Casabella, e foi precisamente esa conciencia a que motivou a modernización do club. Hoxe contan con dúas canchas con dous fosos olímpicos completos, equipados con quince máquinas cada un, totalmente dixitalizadas e automatizadas. “A tecnoloxía que usamos é de última xeración e tamén moi custosa, pero era imprescindible para garantir a continuidade do club e a calidade das instalacións”, explica.
Ademais do salto tecnolóxico, o club avanzou na profesionalización da xestión e na formación de tiradores. Casabella subliña que “habería que ir coa tecnoloxía, adaptarse aos tempos e aos novos sistemas de competición, se non, quedariamos atrás”. Esta evolución permitiulle manter un nivel competitivo elevado e organizar eventos oficiais da Federación Galega de Tiro.

MODALIDADE. Actualmente, o club dedícase principalmente ao foso olímpico, unha das modalidades máis técnicas e esixentes do tiro deportivo. Casabella explica que cada tirador dispón de cinco postos de tiro e que, desde cada un, lánzanse pratos ao azar: dous á dereita, dous á esquerda e un central. “Estamos a falar de máis de dous millóns e medio de variantes posibles, polo que a concentración e o adestramento son fundamentais”, subliña.
Nas competicións oficiais, gaña quen máis pratos rompe dun total de 125. A munición empregada é de calibre 12, con cartuchos de 24 gramos de pólvora, e a distancia de seguridade é de 50 metros: “A máis de esa distancia é practicamente inofensiva, polo que se garante a máxima seguridade durante a práctica”, comenta o presidente. Casabella sinala que o foso olímpico esixe non só habilidade física, senón tamén unha gran capacidade de concentración e constancia: “Non é un deporte moi físico, pero require moitísima disciplina e concentración”, engade.
COMPETICIÓNS. O Club de Tiro San Roque de Viveiro ten un papel central na promoción do tiro deportivo na comarca da Mariña. Segundo Casabella, “somos o único club de tiro deportivo en toda a Mariña e, na provincia de Lugo, só existimos nós e o Vía Künig de Becerreá con instalacións propias. Isto permite manter vivo o deporte na zona e ofrecer unha experiencia completa aos tiradores”.
Ao longo do ano, o club organiza numerosas competicións oficiais da Federación Galega, como os campionatos galegos ou probas da Copa Galicia. Ademais, celebrou durante décadas a Gran Tirada Concello de Viveiro, que se celebra cada 15 de agosto e que no 2026 chegará á súa 48ª edición. Casabella recalca que esta proba é probablemente a máis antiga de Galicia e, posiblemente, tamén de España: “É un evento especial para nós, porque reúne tanto a tiradores veteranos como a novos valores e forma parte da historia do club”.
O club tamén conta con logros deportivos destacables nos últimos anos. O presidente menciona o Campionato de España Individual de Segunda Categoría acadado por Antonio Novo, así como numerosos ascensos de categoría a nivel nacional. “De feito, somos o club de Galicia con máis tiradores en Primeira Categoría, algo que nos enche de orgullo”, afirma.
FUTURO. Un dos grandes retos do club é garantir o relevo xeracional. Casabella lamenta que a burocracia e os custos dificulten a incorporación de novos deportistas: “Queremos que o club siga medrando, que haxa rapaces novos que se acheguen ao tiro e que poidamos garantir a continuidade do noso traballo”, explica.
Para fomentar a formación, o club organiza cursos con adestradores nacionais de primeiro nivel, como Jesús Serrano Lara, extirador olímpico natural de Cuenca. Estes cursos axudan a preparar novos tiradores e a manter altos estándares de calidade dentro do club. As instalacións tamén se manteñen en perfecto estado, con inspeccións periódicas da Garda Civil e todas as licenzas e permisos en regra. “Temos zonas delimitadas para tiradores e público, garantimos a seguridade e a profesionalización da práctica deportiva”, asegura Casabella.
Ademais, o club recibe apoio do Concello de Viveiro e da Deputación para cubrir custos como o seguro das instalacións. “Aínda que nos gustaría recibir máis apoio, valoramos moito estas colaboracións, sen elas sería moi difícil seguir adiante”, conclúe.
A pesar das dificultades, Juan Casabella mantén unha visión optimista sobre o futuro do club: “O gran reto é seguir medrando, atraer xente nova e manter vivo este deporte na Mariña. Queremos continuar transmitindo aos máis novos a paixón polo tiro e a disciplina que este deporte require”.