Club de tenis A Marosa: “Contamos cuns 100 socios de Burela, San Cibrao, Foz ou Madrid”
Lucía Blanco
“Que aos nenos aos que lles guste o tenis puideran ter opción de xogar en Burela”. Este foi o impulso para que un grupo de amantes deste deporte dera un paso adiante e fundara o club A Marosa, que celebrou o seu décimo aniversario. “Nacemos en marzo do ano 2014 e a idea xurdiu a través dun grupo de amigos que sempre tiñamos ganas de que houbera un club de tenis en Burela. Fomos dando os pasos, chamando á Xunta, á Deputación e creámolo rapidamente”, conta Fernando Rey, o presidente.
Actualmente superan os 100 asociados, unha cifra que tamén os anima a seguir. “É algo que está moi ben e de feito estamos moi contentos, porque se trata dun deporte minoritario. Por exemplo, aquí en Burela hai moito fútbol sala e baloncesto”. Entre os seus membros, ademais de veciños, suman habitantes de distintos puntos da Mariña e tamén de fóra da comunidade. “Hai xente tamén de San Cibrao e Foz e varios que son de Madrid, porque veñen veranear aquí. Eu creo que temos bastantes tamén porque temos unha cota moi asumible. Por 50 euros ano pódese apuntar unha parella e os dous fillos, é como se fora un carné familiar e outros equipos dinnos que é o que pagan por mes”.
A Marosa é un club de carácter familiar como así o demostran os seus xogadores. “Hai algúns veteráns, que roldan os 60, e outros máis novos e cativos porque os apuntan os pais. Temos un monitor que lles dá clase luns e mércores e tamén poden ir adultos”. Pero ademais da formación, manteñen ao longo de todo o ano unha intensa actividade que inclúe Liga de inverno, Liga de Verán, Torneo de Dobres e Copa para logo organizar unha cea na que entregan os trofeos aos gañadores. “Despois participamos no campionato federado que se celebra sempre dende xaneiro a xullo e imos a xogar a Santiago, a Lugo a Coruña as fins de semana e é unha forma de coñecer outras pistas e instalacións e outros clubs”.
Hai que cumprir unha serie de requisitos como estar federado, polo que o equipo compóñeno unhas 12 persoas. “Nunca hai problema para xuntar suficientes para ese día dos partidos. Este ano ascendemos a Segunda División, onde está tamén o Tenis Foz”. Ademais, organizan, en colaboración co Concello, o Torneo Memorial José Luis Yebra, unha cita grazas ao que durante un par de semanas o municipio respira tenis e en lembranza do socio do club falecido no ano 2015, un dos grandes impulsores desta práctica.
Memorial José Luis Yebra
A décima convocatoria, que tivo lugar no mes de xullo, coincidiu coa conmemoración dos seus 10 de fundación e volveu a concentrar un bo número de tenistas no complexo deportivo. “Foi no que máis participación houbo e mesmo na final daba gusto ver ao público alí nas pistas”. As categorías individual absoluta, dobres absoluta e dúas individuais xuvenís lograron unha boa resposta dos xogadores. “Participaron máis ou menos uns 40 e o tempo acompañou tamén. Leva o seu traballo, cadrar os horarios, chamar á xente, xogar ese día pero paga a pena”.
Competicións deste tipo demostran que a afección pola raqueta asegura o seu futuro na Mariña, aínda que Fernando recoñece que foi a menos. “Eu creo que xa houbo máis. O padel quitoulle bastante ao tenis é outro tipo de deporte que se leva mellor, xógase entre 4 e está moi de moda”. Aínda así, fan un balance máis que positivo de toda a súa traxectoria. “O club está consolidado e vai ben. Tamén o Concello axúdanos co tema das instalacións, por exemplo cada 4-5 anos dáselle unha pintada ás pistas e colabora moito con nós”. Unhas pistas que probablemente se volverán a pintar no vindeiro ano e que poden reservar todos os seus asociados.
“Accedemos a unha web para reservalas cando queremos xogar, miras se hai dispoñibilidade e cóllela e é moi cómodo. Está en moi bo estado e ademais a contorna é preciosa sobre todo de verán, é un luxo”. Rey asegura que o tenis é un deporte no que se mellora a base “de adestramentos e de ir xogando panchangas entre nós”, pero que engancha polo que anima a todo o mundo a probar. “Diríalles a todos que viñeran un día, cando queiran, que quedaran co monitor e sinxelamente que probaran, non ten outra ciencia”.