Club Ciclista Burela, máis de 25 anos pedaleando en compañía

Por Ana Somoza.
O Club Ciclista Burela é unha desas entidades que se foron facendo a si mesmas co paso do tempo, sen grandes titulares nin pretensións deportivas, pero cunha fonda pegada á vila e ás persoas que a conforman. A súa historia arrinca hai máis de vinte e cinco anos, cando un grupo de amigos decidiu dar un paso máis na súa afección compartida pola bicicleta. Segundo lembra o actual presidente, Jairo, “naquel momento o ciclismo era moito máis ca un deporte; era unha forma de estar xuntos, de falar, de coñecer os camiños e de aproveitar o tempo libre”. Desa necesidade de organizar saídas colectivas e de manter vivo ese vínculo xurdiu a idea de crear un club que servise como punto de encontro estable, ,unha idea que, como el mesmo destaca, “non tería sobrevivido sen o compromiso das persoas que asumiron responsabilidades desde o primeiro día”.
A fundación do Club Ciclista Burela responde, por tanto, a unha motivación moi concreta e moi sinxela: compartir. “Non nacementos pensando en competir nin en crear unha estrutura complexa”, explica Jairo, que insiste en que o espírito inicial foi sempre o de “xuntarse para saír en bici e pasalo ben”. Nesa primeira etapa xogou un papel fundamental Manolo Yáñez, primeiro presidente do club, que asumiu a tarefa de poñer orde, coordinar ás persoas socias e dotar a entidade dunha mínima organización. “Manolo fixo un traballo enorme cando todo dependía da vontade de cada quen”, lembra Jairo, subliñando que sen ese esforzo inicial sería imposible entender o percorrido posterior do club.
Co paso dos anos, a entidade foi mudando, adaptándose ás distintas etapas vitais das persoas que a integraron, pero sen perder nunca ese fío condutor baseado na amizade e no compañeirismo. Tras a etapa fundacional, Juan Martínez colleu o relevo na presidencia e deu continuidade ao proxecto, consolidando o funcionamento interno e mantendo vivo o espírito co que nacera o club. “Juan soubo darlle estabilidade ao Club Ciclista Burela e facer que funcionase con normalidade durante moito tempo”, sinala o actual presidente.
“Houbo xente que entrou, xente que saíu, épocas máis activas e outras máis tranquilas, pero o club segue aí”, resume, , reivindicando o labor silencioso de quen estivo á fronte antes ca el para que a entidade chegase viva ata a actualidade.
SOCIOS. Na actualidade, o Club Ciclista Burela conta con arredor de corenta socios, unha cifra que o presidente define como “estable e asumible”. Trátase dun grupo heteroxéneo, no que conviven persoas que levan décadas vinculadas ao club con outras que se foron incorporando nos últimos anos. Jairo exerce a presidencia, un cargo que el mesmo relativiza ao asegurar que “non se trata de mandar, senón de coordinar e botar unha man para que as cousas funcionen”. Segundo explica, o día a día do club baséase na colaboración: “Aquí todo se fai entre todos, cada quen aporta o que pode e cando pode”.
Un dos aspectos que máis chama a atención do Club Ciclista Burela é a amplitude de idades das persoas que o integran. Non existe unha idade media definida nin categorías establecidas. “Temos xente arredor dos trinta anos e tamén socios que xa superan os setenta e seguen collendo a bici con regularidade”, comenta Jairo. Esta diversidade xeracional tradúcese nun grupo plural, con distintos ritmos e experiencias, pero unido por unha mesma paixón. “Non hai competición nin esixencias; cada quen participa ao seu nivel e segundo as súas posibilidades”, engade, deixando claro que a ausencia de categorías responde á propia filosofía do club.

FILOSOFÍA. Esa filosofía é, precisamente, un dos sinais de identidade máis claros da entidade. O Club Ciclista Burela entende o ciclismo como unha actividade de lecer, saúde e relación social. “A nosa misión é desfrutar da bicicleta sen presións”, afirma o presidente, que subliña que o importante é “o camiño e non a meta”. Para o club, a bicicleta convértese nunha escusa perfecta para compartir tempo, conversar e coñecer tanto a contorna natural como ás propias persoas que pedalean ao lado. “O que buscamos é pasar momentos agradables arredor da bici”, resume.
CONVIVENCIA. Ao longo do ano, o club organiza diferentes actividades que se adaptan ás estacións e ás preferencias do grupo. Unha das citas habituais ten lugar a comezos de ano, cando se celebra unha quedada de bicicleta de montaña polos montes próximos a Burela. “Aproveitamos o entorno que temos aquí, que é un privilexio”, sinala Jairo. Ademais, tamén se programan rutas en bicicleta de estrada, para as que o grupo se despraza en coche durante un par de horas. “Gústanos cambiar de escenario, coñecer outros sitios e saír da rutina”, explica.
Xunto a estas actividades puntuais, o eixo central da vida do club son as saídas regulares das fins de semana. Os sábados e domingos, os socios reúnense para pedalear polos arredores de Burela e por outras vilas próximas. “Son saídas máis sinxelas, máis próximas, pero son as que manteñen vivo o club”, apunta o presidente. Nelas, a conversa e a convivencia teñen tanto peso como o propio exercicio físico.
O Club Ciclista Burela non participa en competicións oficiais nin ten unha orientación deportiva de alto rendemento. É unha decisión consciente e compartida pola maioría das persoas socias. “Non é o que buscamos nin o que nos identifica”, afirma Jairo, que insiste en que “a experiencia compartida está por riba de calquera resultado”. Esta aposta polo lecer fai que o club resulte accesible para perfís moi diversos e que non exista presión ningunha á hora de participar.
A relación coa veciñanza e co tecido social de Burela é outro dos piares da entidade. O club leva o nome da vila e está formado, na súa maioría, por xente do pobo “de toda a vida”. Iso facilita unha integración natural e unha percepción positiva por parte da veciñanza. “Creo que temos boa reputación”, comenta Jairo, que atribúe esa imaxe a valores como “o respecto polo entorno, o compañeirismo e a práctica saudable do deporte”. Co paso do tempo, a presenza do grupo polas estradas e camiños da zona converteuse nunha estampa habitual.
RETOS. Como calquera asociación cunha longa traxectoria, o Club Ciclista Burela tamén tivo que afrontar dificultades. “Hai etapas de máis actividade e outras de menos”, recoñece o presidente, que lembra que a implicación das persoas socias depende moito das circunstancias vitais de cada momento. Na actualidade, o principal reto é a falta de relevo xeracional. “Cústanos moito que entre xente nova que se implique na organización”, lamenta Jairo, que tamén apunta á “gran oferta lúdica existente” como un factor que dificulta manter un alto nivel de participación.

PROXECTOS. De cara ao futuro inmediato, o club quere seguir apostando por actividades accesibles e inclusivas. “A idea é que calquera persoa, independentemente do seu nivel físico, poida participar”, explica o presidente. Ademais, tamén se baralla diversificar a oferta máis alá do ciclismo estrito. Entre as propostas están as andainas nocturnas ou as xuntanzas gastronómicas. “Trátase de reforzar a convivencia e de atraer a xente que, aínda que non practique ciclismo habitualmente, poida sentirse cómoda co grupo”, sinala.
No plano económico, o funcionamento do Club Ciclista Burela é sinxelo e austero. O apoio institucional existe, pero é puntual. “Ás veces contamos con algunha colaboración concreta”, explica Jairo, aínda que deixa claro que o principal sustento do club son as cotas das persoas socias. Estas ascenden a 30 euros ao ano, unha cantidade que permite cubrir os gastos básicos e manter a actividade. “Grazas a iso temos autonomía e non dependemos de ninguén”, destaca.
O club non ofrece programas de formación específicos nin iniciativas orientadas á aprendizaxe técnica, especialmente para a xente máis nova. Esta ausencia responde á propia natureza da entidade. “Non somos unha escola nin un club deportivo ao uso”, aclara o presidente. O coñecemento transmítese de maneira informal, a través da experiencia compartida e da convivencia. “Apréndese moito simplemente saíndo xuntos”, engade. Cando se lle pregunta pola mensaxe que lle trasladaría a quen aínda non coñece o Club Ciclista Burela, Jairo non dubida: “Se che gusta a bicicleta, a natureza e pasar bos momentos con outras persoas, este é o teu sitio”. Define o club como un grupo aberto, sen esixencias nin presións, no que o importante é desfrutar. “É unha boa forma de descubrir rutas novas e de crear lazos persoais”, afirma.
EXPERIENCIAS. Á hora de lembrar momentos especiais, o presidente recoñece que é difícil escoller un só. “Houbo moitos”, di. Entre eles destaca unha actividade que durante anos marcou o calendario estival do club: o chamado “desafío”. Tratábase dunha ruta máis esixente do habitual, deseñada para pasar todo o día en bicicleta e rematar cunha cea colectiva. “Saían anécdotas para dar e tomar”, lembra Jairo, convencido de que esas experiencias explican mellor ca nada o espírito do club. “Hai aventuras dabondo como para escribir un libro”, conclúe, resumindo máis de dúas décadas de pedaladas compartidas, amizade e memoria colectiva.