Club Altrúan de Ribadeo: "Exprimimos o equipo e planificamos ben a tempada"

AMariñaXa
Forman piragüistas dende o 1982 e contan con deportistas recoñecidos, exemplo de traballo e constancia, en liña coa filosofía da entidade que fomenta valores como o esforzo e aumenta o seu medalleiro regata a regata
club-piraguismo-altruan
3 Nov 2024

Lucía Blanco

Levan formando piragüistas dende o 1982 e poñendo en valor este deporte en Ribadeo e en toda a provincia. "Botou a andar como parte dunha iniciativa máis extensa de facer un club municipal de deportes que ía ser multidisciplinar. Finalmente, só cristalizou o baloncesto e a sección de piragüismo que se chamou club Altruán", lembra o José Ángel Fernández, o presidente. Entre os seus membros, contan con deportistas recoñecidos, exemplo de traballo e constancia, en liña coa filosofía da entidade que fomenta valores como o esforzo e a dedicación e que aumenta o seu medalleiro con resultados como os da Copa Deputación 2024, onde lograron 7 ouros, 1 prata, 7 bronces e un terceiro posto por clubs.

—Son un clásico desta disciplina na Mariña. Cantas licenzas suman?

Andamos nuns 70 socios, dos cales licenzas deben ser entre 20 e 50. No que é na sección de kayak de mar son adultos, da trintena para arriba e na de competición son menores de idade entre prebemxamins e xuvenís.

—Contan con dúas seccións puxantes.

Temos dúas seccións e cada unha delas ten unha vida máis ou menos independentemente e o seu propio adestrador. No de competición ata agora había dous, pero hoxe en día contamos cun só, con Ramón Cabo de Vila que leva todos os grupos de adestramento. Da de kayak de mar encárgase Ito.

—Campións galegos no de K2-1500m Prebenxamín/Benxamin e Alevín, unha prata no Campionato Galego de Infantis K2-3000m e unha prata e un ouro no de K1 Prebenxamín, Benxamín e Alevín. Os bos resultados acompañánanos regata a regata. Cal é o segredo?

Exprimimos a equipa coma un limón. Eu creo que planificamos ben a tempada, exprímense todos os recursos que temos, porque temos escolas deportivas moi curtas respecto doutros equipos. A cada rapaz sacámoslle o maximo rendemento que se pode falando en termos de economía deportiva.

—Nese novo curso os obxectivos seguen as liñas anteriores?

Apostamos pola consolidación, seguir na mesma pauta que estamos seguindo. É unha fórmula ensaiada que mantemos dende fai uns 8-9 anos e está dando os seus froitos. Todos os anos fas algunha correción, sexa circunstancial ou por criterio de que debemos replantear cousas. Intentamos aplicar a experiencia adquirida na planificación deportiva.

—Que condicións precisa un bo piragüista?

Basicamente hai tres tipos de cualidades. As temperamentais son absolutamente definitorias porque o piragüísmo é un deporte de perfil atlético, a priori moi esixente fisicamente e tamén a nivel mental e temperamental. Despois están as cualidades aptitudinais e as físicas que é algo inevitable ao final, xa que non nacemos todos igual.

—Entón non hai bo palista sen boa xenética?

A xenética é fundamental, pero sen cabeciña non hai campións de España. Nós temos varias nenas campioas de España e teñen a xenética, as cualidades aptitudinais, pero despois teñen cabeza, porque sen ela é imposible gañar os campionatos.

—Se se compara con outras prácticas deportivas estaríamos a falar dun deporte minoritario. Dáselle a visibilidade que merece?

O que é o deporte de base ten unha relativa vantaxe e é que hoxe en día o piragüismo é o deporte olímpico máis laureado. Na última Olimpiada superamos a vela e eso queiras que no danos unha proxeccion mediática moi grande e sobre todo os rapaces teñen uns modelos de comportamento moi bos.

—Os deportistas que se inician nesta modalidade atopan grandes exemplos de esforzo, traballo e dedicación. Como inflúe contar con eses referentes?

En xeral nos deportes de corte atlético a xente que destaca a alto nivel son grandes exemplos. Igual que son necesarias as aptitudes temperamentais, non é como noutros deportes nos que o que destaca non é o mellor modelo a seguir. Os que están no equipo nacional son persoas modélicas. Entón que lle ofrece o piragüismo ao rapaz? Pois un modelo de vida e é unha dobre proxección. E iso permite desenvolver moitas sinerxias, polo que aínda que sexa un deporte minoritario e minorizado, temos a vantaxe de que non outras modalidades deportivas son capaces de mobilizar esa sinerxia social que nós si podemos.

—Axuda tamén a que pouco a pouco se vaia consolidando a afección?

É un deporte que sendo minoritario atrae a un limitado número de xente, pero tamén que se fideliza moito. Unha vez que engancha de aí non saes case.

0.18037486076355