Claudio Rodríguez Fer recibirá en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra  

AMariñaXa
O vindeiro mércores 28 de febreiro o poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e investigador, Claudio Rodríguez Fer, recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2024 no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12.
Claudio Rodríguez Fer Mondoñedo
11 Feb 2024

O vindeiro mércores 28 de febreiro o poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e investigador, Claudio Rodríguez Fer, recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2024 no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12.00 horas, onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas.

Converterase, así, no oitavo homenaxeado desde que se instituíu este galardón promovido polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.

Neste 2024 unha comisión designada polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro decidiu premiar a "longa e vizosa traxectoria dun gran coñecedor da figura de Cunqueiro como é Claudio Rodríguez Fer", explican desde o Concello de Mondoñedo.

A comisión que o elixiu, por maioría, estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Manuel Lourenzo (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC).

Biografía de Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, amais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo.

Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre.

É autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura de Álvaro Cunqueiro, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado, amais, amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996). Así mesmo, dirixiu o Congreso Álvaro Cunqueiro e a Cultura Europea (1991) e conferenciou sobre o mindoniense en infinidade de congresos e xornadas por todo o mundo.

Con esta designación de Claudio Rodríguez Fer como Cunqueiriano de Honra, que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Anonio Molina ou Manuel Lourenzo, entre outros.

0.18331694602966