Cinema, baile e saúde protagonizan a programación do centro sociocomunitario de Mondoñedo

O centro sociocomunitario de Mondoñedo, xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, desenvolve durante as vindeiras semanas unha variada programación cultural e formativa dirixida, especialmente, ás persoas maiores. O calendario inclúe sesións de cinema, dous obradoiros de baile de balde e unha xornada informativa centrada no emprego axeitado dos medicamentos.
As proxeccións cinematográficas, todas ás 17.00 horas, forman parte do proxecto Lectura Sénior, unha iniciativa da Administración autonómica que pretende ampliar o acceso da poboación maior a contidos culturais adaptados aos seus intereses. A proposta realízase en colaboración coa Biblioteca Pública da Xunta en Lugo, que achega materiais do seu catálogo.
Entre os títulos previstos figuran El cuento de las comadrejas, dirixida por Juan José Campanella (2 de marzo); o documental En todas as mans, da cineasta Diana Toucedo (4 de marzo); a produción estadounidense Barbie, de Greta Gerwig (9 de marzo); o filme francés Delicioso, de Éric Besnard (11 de marzo); e Asuntos de familia, de Maha Haj (16 de marzo).
A programación complétase con dous obradoiros de baile impartidos pola escola Hover Cross: un de merengue o 25 de febreiro e outro de cumbia o 25 de marzo, ambos con acceso libre. Ademais, o 18 de marzo celebrarase unha sesión formativa da Escola Galega de Saúde Pública sobre o uso correcto da medicación, para a que será necesaria inscrición previa.