Cinco localidades do Camiño do Norte inspiran unha webserie sobre a cultura tradicional galega

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A produción audiovisual percorre Ribadeo, Lourenzá, Begonte, Sobrado dos Monxes e Santiago para documentar a cultura popular e transformala en creación artística
web-serie-paso-muñeira-lourenza
27 Nov 2026

O Camiño do Norte será o fío condutor dunha nova proposta audiovisual que busca preservar e divulgar a cultura tradicional galega. A webserie 'A paso de Muiñeira polo Camiño do Norte', presentada este venres en Lourenzá, propón un percorrido por distintos puntos da ruta xacobea para recuperar a tradición oral, a música e o baile popular, combinando investigación etnográfica, implicación das comunidades locais e creación artística contemporánea.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou na presentación desta iniciativa, que conta co respaldo do Goberno autonómico a través do programa O Teu Xacobeo 2026. O proxecto está dirixido por Esther Benito e producido por Edición Consultores.

A webserie desenvolve os seus capítulos en Ribadeo, Lourenzá, Begonte, Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela. En cada unha destas localidades, o traballo recolle tradicións, manifestacións culturais e expresións propias da contorna, que serven como punto de partida para crear unha peza coreográfica singular.

A proposta pretende así utilizar o itinerario xacobeo como espazo de conexión entre o patrimonio cultural e novas formas de expresión, contribuíndo á conservación e transmisión de saberes e prácticas tradicionais. Ao mesmo tempo, busca dar visibilidade á música e ao baile popular galegos, recoñecidos en 2025 como Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial.

Este novo proxecto audiovisual continúa unha experiencia anterior da mesma liña creativa, 'A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno', promovida en 2021 tamén a través do programa O Teu Xacobeo da Xunta.

Durante a presentación, Alfonso Villares destacou o valor da iniciativa para preservar e transmitir a cultura tradicional de Galicia, así como para impulsar a difusión do Camiño do Norte. O delegado considerou que o formato dixital permitirá chegar a públicos amplos e diversos, aproveitando as posibilidades das plataformas e canles de difusión en liña.

0.13062405586243