CIG Saúde denuncia carencias de material e unha xestión “ineficiente” na Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O sindicato critica recortes nos subministros, retrasos e trato inadecuado ao persoal, e reclama cambios inmediatos na organización
medico sergas sanidade
23 Mar 2026

CIG Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte vén de facer pública a súa preocupación pola situación da subministración de materiais nos centros sanitarios da área, denunciando unha xestión que cualifican de “ineficiente, irresponsable e restritiva”. Segundo a central sindical, as políticas aplicadas desde a área de recursos económicos están a provocar unha redución nos subministros que repercute directamente no funcionamento dos servizos e na calidade da atención sanitaria.

Desde o sindicato aseguran que levan tempo recibindo queixas tanto de profesionais de Atención Primaria como de ámbito hospitalario, que alertan de que os materiais non chegan nas cantidades solicitadas. Esta situación obriga ao persoal a reorganizarse constantemente, recorrendo a préstamos entre centros ou adaptando os pedidos para garantir o abastecemento mínimo.

Ademais, CIG Saúde denuncia a existencia de respostas “inadecuadas” por parte da subdirección de recursos económicos cando o persoal intenta trasladar estas incidencias, chegando incluso a producirse situacións de falta de respecto. A isto súmanse, segundo indican, demoras prolongadas na entrega de materiais necesarios para adaptacións de postos de traballo, derivadas de informes de saúde laboral.

A central sindical considera que estes feitos evidencian unha falta de planificación na xestión das necesidades reais de cada centro sanitario. Por iso, reclama á Xerencia da Área Sanitaria a posta en marcha dun sistema de avaliación periódica que permita adaptar os subministros ás características e demandas de cada servizo.

Así mesmo, CIG Saúde esixe medidas inmediatas para corrixir esta situación, incluíndo a reprobación das actuacións denunciadas e a adopción de cambios que garantan un funcionamento axeitado dos centros e a protección da saúde do persoal.

0.11690902709961