CIG Saúde A Mariña di que "a dirección do hospital da Mariña agocha comunicar o peche de 38 camas ata pasadas as eleccións municipais"

AMariñaXa
CIG Saúde A Mariña di que "a dirección do hospital da Mariña agocha comunicar o peche de 38 camas ata pasadas as eleccións municipais"
MEDICINA INTERNA  hospital
MEDICINA INTERNA hospital
3 Xuño 2023

A CIG-Saúde considera que o peche da planta de Medicina Interna (con 38 camas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña carece de calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a “unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.

Dende a Federación da CIG afírmase que o peche de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para desmantelar o sistema sanitario público “en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.

O peche comeza o 15 de xuño, bloqueando 8 camas e reducindo o persoal par a 1 de xullo proceder ao peche das portas da planta de Medicina Interna perdendo así o hospital a capacidade de ter dispoñibles 38 camas para ingresar aos pacientes que así o requiran.

A Dirección do Hospital xustifica "o peche de 38 camas pola falta de persoal de enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección e que a central nacionalista ven denunciando dende 2019".

O persoal de enfermaría, sinalan, “fuxiu” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade laboral”.
Dende CIG-Saúde levamos anos dicíndolle a esta Dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estables cunha carteleira establecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha enfermidade ou un accidente, demanda que non se atendeu en absoluto.

Pola contra, a Dirección de Enfermaría e a Directora do Distrito Sanitario do hospital mariñao, malia as demandas trasladadas, negaron que esta fuxida de profesionais fose por motivos laborais, sinalando que se marchan é por motivos persoais. “Se non temos o persoal que este centro precisa”, sinalan, “a única responsable e a dirección do hospital polas políticas de contratación precarias dos últimos anos”.

Este peche de camas terá consecuencias para os pacientes, suporá o incremento das derivacións, xa que ao non existir camas libres no hospital serán derivados ao HULA, “unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Dirección nun hospital que remata de ser ampliado”.

Estas medidas provocan tamén, manteñen desde esta central, un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidas”.

“O peche de camas terá consecuencias para as profesionais que serán desprazadas a outros servizos e unidades. Os calendarios laborais que tiñan asignados decaen, tirando pola borda toda a planificación que tiñan feita para a súa vida persoal durante os meses de xullo, agosto e setembro, provocando entre as traballadoras cabreo, indignación e un incremento do desexo de abandonar o Hospital da Mariña. Posiblemente, froito de estas políticas, para o ano que ven, teñamos menos persoal de enfermaría”, explican.

A CIG-Saúde sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”. “Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñaos e mariñás”, finalizan.

0.19624805450439