Chega Amarte Bonito, a homenaxe á Feira do Bonito de Burela

AMariñaXa
Burela presenta Amarte Bonito, un programa de actividades paralelas ao Certame Internacional de Pintura e en homenaxe á Feira do Bonito
amarte bonito 2021 1
16 Jul 2021

O Concello de Burela presenta Amarte Bonito, un programa de actividades paralelas ao Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e en homenaxe á Feira do Bonito (declarada de interese turístico nacional en 2019) que terán lugar do 5 ao 8 de agosto.

Ata o sábado 7 de agosto pódese participar no Concurso de Selfies que terá un premio de 100 euros doados polo Grupo Dissolquim.

Do xoves 5 ao domingo 8 de agosto ao tempo que os artistas finalistas do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte plasman os seus bocetos no peirao fárase unha homenaxe á Feira do Bonito coa celebración de xornadas gastronómicas e a elaboración de saborosas tapas, racións e menús degustación do túnido nos bares e restaurantes da vila.

O venres 6 de agosto gozarase do talento do Mago Antón na praza da Mariña cun máximo de 30 persoas por función ás 12.00, 13.00, 17.00, 18.00, 19.00, 20.00, 21.00 e 22.00 horas. Ás 23.00 horas terá lugar na praza do Concello un concerto da banda coruñesa Luar na Lubre con entrada gratuíta.

O sábado 7 de agosto de 11.00 a 14.00 horas na explanada do porto o artista lucense Diego Anido, campión das batallas da Liga Nacional de Graffiti, impartirá un obradoiro infantil gratuíto desta arte urbán. Para participar haberá que inscribirse previamente chamando ao 982 581 141.

Xa pola noite, ás 23:00 horas na praza do Concello o grupo local Tribu Folk ofrecerá un concerto con entrada de balde.

O domingo 8 ás 12:45 horas tamén na praza do Concello o actor, presentador e humorista ourensán Sergio Pazos entregará os premios do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e do Concurso de Selfies.

E como broche final ás 13.15 horas poderase desfrutar dun concerto da banda viguesa Eladio y los seres queridos tamén con entrada libre.

amarte bonito 2021
0.095218896865845