César Mogo reclama en Lourenzá que a Xunta se implique na rehabilitación do mosteiro

O investimento de 2,86 millóns de euros previsto polo Goberno de España para rehabilitar o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá centrou a visita realizada este domingo por representantes do PSdeG ao municipio. O candidato socialista ao Senado por Lugo, César Mogo, puxo esta achega como exemplo do compromiso do Executivo de Pedro Sánchez coa conservación do patrimonio histórico e co desenvolvemento dos concellos rurais.
Mogo estivo acompañado pola alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e representantes socialistas de diferentes localidades da Mariña. Durante o percorrido, destacaron a importancia dunha intervención que permitirá recuperar un dos elementos arquitectónicos máis representativos do municipio, especialmente o claustro do mosteiro, e devolverlle usos públicos.
O candidato ao Senado cualificou a achega estatal como un respaldo a unha reivindicación mantida durante anos pola veciñanza. "O Goberno de España mollouse con este proxecto. Non é só unha reparación, é a recuperación dun emblema de Lourenzá e de toda a comarca", manifestou.
Tamén puxo en valor a colaboración entre o Concello e o Bispado para conseguir avanzar na rehabilitación, así como o papel desempeñado pola alcaldesa. Mogo definiu a iniciativa como un "proxecto tractor", pola súa capacidade para implicar diferentes administracións, e pediu que a Xunta de Galicia se incorpore ao financiamento.
"O Goberno de España mollouse, o Concello mollouse e agora queda que se molle tamén a Xunta", sinalou.
Reclaman a participación da Xunta
Mogo lembrou que o Grupo Socialista no Senado xa trasladara ao Partido Popular, en coordinación coa alcaldesa, unha proposta para cofinanciar a recuperación do inmoble. Segundo indicou, os populares rexeitaron esa iniciativa, polo que reprochou a falta de apoio da formación a unha actuación que considera relevante para o futuro de Lourenzá.
O candidato enmarcou a rehabilitación entre as actuacións que o PSOE reivindica de cara á convocatoria electoral do 29N e destacou a súa importancia para atender as demandas da cidadanía. "É un éxito para Lourenzá porque responde ao que desexaba a veciñanza. Estamos aquí para celebralo e para poñelo en valor, porque o merece", concluíu.
Pola súa banda, a alcaldesa, Rocío López, expresou a súa satisfacción por que a intervención poida finalmente materializarse grazas ao financiamento estatal. "Por fin a rehabilitación do mosteiro vai ser unha realidade grazas á achega de 2,86 millóns de euros do Goberno de España", afirmou.
A rexedora explicou que o Concello leva moito tempo traballando conxuntamente co Bispado para sacar adiante o proxecto e considerou que a actuación permitirá recuperar unha xoia arquitectónica e ofrecerlle os usos públicos previstos. López incidiu en que os beneficios irán máis alá do municipio, xa que tamén suporán unha oportunidade para o conxunto da Mariña e da provincia de Lugo.
"É un avance para o noso concello e tanto o goberno municipal como a veciñanza estamos moi contentos", engadiu.
Patrimonio e desenvolvemento rural
Lara Méndez felicitou a alcaldesa e o seu equipo polo investimento conseguido para recuperar un edificio emblemático de Lourenzá e da provincia. A responsable socialista relacionou tamén esta actuación coas eleccións do 29 de novembro, ao considerar que a conservación dos bens históricos debe formar parte das prioridades das administracións.
"Disto van tamén estas eleccións: de apostar por rehabilitar, recuperar e manter a nosa historia, o noso patrimonio e as señas de identidade dos nosos concellos", declarou.
Méndez reivindicou o papel do Goberno central na promoción da conservación patrimonial e lembrou que foi Pedro Sánchez quen elevou ao 2 % a porcentaxe da obra pública destinada a este obxectivo. Ao mesmo tempo, criticou a actuación da Xunta en relación cos bens culturais e reclamou unha maior implicación na súa protección.
A secretaria de Organización do PSdeG incidiu tamén na capacidade do patrimonio histórico para xerar oportunidades económicas e turísticas, especialmente nas localidades de menor tamaño. Na súa opinión, os recursos culturais poden converterse nunha ferramenta para dinamizar o territorio e atraer visitantes.
"Temos un patrimonio rico que pode ser motor de proxectos turísticos. Os concellos pequenos e rurais teñen que aproveitar ese patrimonio para ser referentes turísticos, e Lourenzá é un exemplo", concluíu.