César Mogo di que Villares "quere meter medo aos veciños sobre o futuro do Feve"
“O alcalde de Cervo quere meter medo ós veciños e veciñas da Mariña sobre o futuro de FEVE contando mentiras”, así o denunciou o senador socialista César Mogo, quen subliñou que o rexedor queda totalmente retratado porque a comarca recibe 24M€ para modernizar o ferrocarril con proxectos que están xa en fase de contratación, despois de que o Partido Popular non lle destinase nin un euro e, o que aínda é máis grave, despois de que o sr. Villares nin sequera o pedise nunca”.
As actuacións licitadas, dentro das partidas que se incluíron nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano 2022 para esta liña, están destinadas á automatización da rede, a melloras na seguridade, e tamén a estacións e á creación de novos apeadoiros no tramo Ribadeo-Ortigueira.
O grupo socialista presentou e conseguiu aprobar unha moción no Senado, defendida por César Mogo, “para modernizar a liña de FEVE ó seu paso por Lugo e o Goberno está acometendo os investimentos comprometidos”.
Polo tanto, queda claro que Villares dedícase a “inventar falsidades” contra un Executivo socialista que multiplicou por catro o orzamento destinado á provincia dende o ano 2018 para tentar ocultar esta realidade, mentres, por certo, ten os centros de saúde do seu concello sen médicos e deixou escapar un proxecto industrial moi importante anunciado para Cervo”, aseverou o Senador do PSOE.
VILLARES
Neste sentido, César Mogo ve “lamentable que o sr. Villares se dedique a propagar medos, cando mantén un silencio vergoñento ante o abandono ó que ten sometida a Xunta á comarca da Mariña e á provincia de Lugo. Cando faltan médicos na nosa Atención Primaria, o sr. Villares cala; cando a Xunta incumpre os seus compromisos en infraestruturas coa Mariña, o sr. Villares cala; cando a Xunta traizoou á Mariña anunciando investimentos industriais que logo deixou escapar, o sr. Villares cala; e cando a Xunta non promove nin unha soa industria na Mariña, o sr. Villares cala”. “Este é un modo de comportarse en política que, en resumen, consiste en antepoñer os intereses do seu partido ós dos seus veciños”, afirmou o Senador socialista.
INVESTIMENTOS NA COMARCA
Para César Mogo, o alcalde de Cervo “fai de voceiro dun PP de Lugo á desesperada por xerar incertezas e temores ante os investimentos que se puxeron en marcha na provincia”, pero, recalcou, “para o seu desgusto as obras do Goberno central en autovías seguirán adiante e comezarán outras novas, como a A74 que pasará pola Mariña; para o seu desgusto, a mellora do ferrocarril que conecta Lugo con Ourense seguirá adiante, e tamén o fará a do tren que percorre toda a Mariña. O mesmo que estivo completamente abandonado polo Goberno do sr. Villares e do PP de Lugo”. “O PP a difundir bulos, e os socialistas, coma sempre, a asegurar os investimentos para Lugo”, concluíu.