César Mogo critica a falta de rigor dos senadores do PP por Lugo sobre o cuartel do Valadouro

O senador socialista César Mogo cuestionou duramente a actuación dos representantes do PP por Lugo no Senado, aos que acusou de actuar sen rigor e de xerar confusión arredor da situación da Casa Cuartel da Garda Civil do Valadouro. Segundo sinalou, non é a primeira vez que os populares incorren en erros ao abordar publicamente este asunto.
Mogo lembrou que xa hai case un ano os senadores do PP presentaron como un compromiso concreto do Goberno o que en realidade fora unha resposta xenérica, deturpando o seu contido e xerando expectativas que non se correspondían coa realidade. Agora, asegura, volven repetir a mesma dinámica coa presentación dunha moción ante a Comisión de Interior.
Na iniciativa rexistrada o pasado 13 de xaneiro, o PP solicita unha partida de 190.000 euros para acometer a reparación da Casa Cuartel. Porén, segundo explicou o senador socialista, un informe posterior elaborado polo propio Goberno a petición dos senadores populares estima que o custo real das obras necesarias ascende a uns 520.000 euros, unha cifra moi afastada da proposta inicial.
“Falando claro, coa cantidade que piden non chega nin para iniciar unha reparación en condicións”, afirmou Mogo, quen cualificou a iniciativa de insuficiente e pouco seria. Ao seu xuízo, este tipo de actuacións non responden á responsabilidade que se esixe no Senado e só contribúen a trasladar mensaxes erróneas tanto aos membros da Garda Civil como á veciñanza do Valadouro.
O senador insistiu en que a Casa Cuartel precisa dunha intervención integral, tal e como recolle o informe oficial, e advertiu de que as propostas a medias ou mal fundamentadas non fan máis que atrasar unha solución real. “O que fai falta é seriedade e traballo rigoroso, non chapuzas nin frivolidades pensadas só para gañar presenza mediática”, concluíu.