César Mogo acusa ao PP de xogar cos intereses da Mariña e de confundir á veciñanza no Senado

AMariñaXa
O senador socialista por Lugo denuncia a falta de coherencia dos populares e reclama infraestruturas reais para resolver o colapso viario da comarca
cesar-mogo-senadro-psoe-4
25 Jan 2026

O senador do PSOE por Lugo, César Mogo, cargou duramente contra os representantes do PP no Senado, aos que acusou de actuar con “descaro e ignorancia” ao utilizar, segundo dixo, os intereses da Mariña lucense como ferramenta electoral sen manter unha mínima coherencia política. Mogo advertiu de que os populares “xogan cos dereitos e necesidades da veciñanza” mentres lanzan esixencias que non se corresponden coa realidade legal nin coa súa propia actuación institucional.

O socialista criticou que os senadores do PP reclamen ao Goberno central o cumprimento de mocións aprobadas na Cámara Alta, obviando —segundo lembrou— que tanto o Tribunal Constitucional como o Tribunal Supremo teñen establecido reiteradamente que este tipo de iniciativas parlamentarias non teñen carácter vinculante. Para Mogo, esta actitude evidencia unha preocupante falta de rigor e preparación, xa que “inventan obrigas que non existen” para xerar confusión entre a cidadanía.

Pero, ao seu xuízo, a incoherencia dos populares vai máis alá e convértese en descaro cando, hai apenas unhas semanas, aplaudiron a actuación da Xunta de Galicia coa presentación da denominada variante de Viveiro. O senador cualificou ese proxecto como unha “estafa”, ao considerar que transforma unha prometida Vía de Alta Capacidade nunha estrada convencional de apenas algo máis de seis quilómetros, cun orzamento drasticamente reducido, sen data clara de finalización e cun trazado incompleto. Segundo advertiu, no mellor dos casos a obra non comezaría antes de 2028 e deixaría a solución do tráfico a medias.

Mogo subliñou que, se realmente existe interese por mellorar a mobilidade na zona, os senadores do PP deberían esixir á Xunta unha VAC “de verdade” que permita sacar a Viveiro do colapso circulatorio que sofre ano tras ano. Nese sentido, lembrou que A Mariña padece un grave déficit de infraestruturas, cuxa solución pasa pola construción da autovía desde Barreiros e pola Vía de Alta Capacidade desde Xove.

Finalmente, o senador socialista insistiu en que esa é a folla de ruta que defende o PSOE tanto ante o Goberno do Estado como ante a Xunta de Galicia, fronte ao que cualificou como un uso “teatral” do Senado por parte do PP. Ao seu entender, empregar iniciativas parlamentarias sen efectos reais só serve para confundir á veciñanza e atrasar solucións que a comarca leva anos reclamando.

⚙ Configurar cookies
0.11904287338257