César Mogo acusa ao PP de bloquear no Senado a cesión gratuíta do colexio Pedrosa Latas en Viveiro

AMariñaXa
O senador socialista denuncia unha proposta “ilegal e prexudicial” que trasladaría ao Concello os custos de reparación do inmoble
antigo-colexio-celeiro
Actualizada el 16 enero 2026, 13:25 horas
15 Dec 2025

O senador do PSOE por Lugo, César Mogo, denunciou que o Partido Popular rexeitou no Senado a proposta do Grupo Socialista para permitir a cesión gratuíta do uso das instalacións do colexio Pedrosa Latas ao Concello de Viveiro. Segundo explicou Mogo, a iniciativa socialista buscaba un acordo amplo entre todos os grupos para que o goberno municipal puidese destinar o edificio aos usos que considerase necesarios en beneficio da veciñanza.

César Mogo criticou que, durante o debate, o senador popular José Manuel Balseiro recoñecese non coñecer con claridade o alcance da normativa vixente, pero que, pese a iso, se negara a aceptar a emenda socialista, que ofrecía unha solución viable e consensuada. Pola contra, segundo sinalou o senador do PSOE, o PP impuxo unha moción que reclama a transferencia da propiedade do inmoble, unha opción que cualificou de ilegal ao tratarse dun edificio pertencente á Seguridade Social, suxeito a unha normativa patrimonial propia.

Na súa valoración, Mogo advertiu de que esta fórmula suporía un grave prexuízo para os veciños e veciñas de Viveiro, xa que obrigaría ao Concello a asumir os custos de mantemento e reparación dun inmoble que non é da súa titularidade. “Unha vez máis, o PP rexeita un acordo que favorecía claramente os intereses de Viveiro”, subliñou.

O senador socialista insistiu en que a cesión gratuíta do uso do edificio permitiría realizar reparacións e melloras mediante un simple acordo co Goberno, que —segundo indicou— está disposto a facelo posible. Por iso, cualificou de falsa a afirmación do PP de que coa cesión de uso non se poderían acometer actuacións no inmoble.

Mogo tamén puxo de manifesto as contradicións da moción popular, lembrando que o PP ignora tanto a titularidade real do edificio como precedentes recentes nos que o propio Concello reclamou outros inmobles de titularidade estatal, como a antiga comisaría. Ademais, lembrou que a Xunta de Galicia tivo a oportunidade de asumir o colexio para outros usos cando deixou de ter función educativa e non o fixo.

Segundo César Mogo, este novo episodio súmase a unha “longa lista de erros e exercicios de oportunismo político” dos senadores do PP por Lugo, que —ao seu xuízo— poderían saír moi caros á cidadanía de Viveiro. O senador socialista concluíu lamentando que o PP rexeitase unha solución que permitiría o uso ilimitado e sen condicións do edificio para os veciños, priorizando, segundo dixo, “o titular mediático fronte aos intereses reais de Viveiro e da Mariña”.

⚙ Configurar cookies
0.078125