César Álvarez Fernández será o pregoeiro da XLII edición da Moexmu 2026

TerraChaXa | AMariñaXa
A Feira de Mostras de Vegadeo, fundada en 1964, é a segunda máis veterana do Principado nas súas características e a máis consolidada do occidente asturiano
cesar-alvarez-pregoeiro-moexmu
4 Dec 2025

A organización da Moexmu anuncia que César Álvarez Fernández, presidente da Fundación de Muestras de Vegadeo e alcalde deste concello asturiano, será o pregoeiro da XLII Mostra Exposición de Muimenta, que se celebrará na segunda fin de semana de abril de 2026. A elección supón unha homenaxe aos referentes históricos da feira, Silleda e Vegadeo, que inspiraron aos veciños e veciñas que puxeron en marcha as primeiras edicións na década dos oitenta.

César Álvarez Fernández, nado no barrio da Abrira (Vegadeo) en 1975, é mestre de Educación Física, emprendedor e dinamizador sociocultural. Defínese como autónomo e firme defensor do territorio no que vive, ao que considera “un sitio extraordinario”, malia estar “no extremo do extremo”. Cre no potencial dos pobos, no papel fundamental das asociacións e na capacidade solidaria e creativa da súa xente. É alcalde de Vegadeo desde 2015.

A Feira de Mostras de Vegadeo, fundada en 1964, é a segunda máis veterana do Principado nas súas características e a máis consolidada do occidente asturiano. Este mes de xuño celebrou a súa 60ª edición, consolidándose como un espazo de referencia para a maquinaria agrícola e forestal, a gandería, a industria e a automoción, á vez que evolucionou cara un ámbito multisectorial onde tamén teñen cabida a artesanía, a agroalimentación, os servizos e as actividades culturais e de ocio. Na última edición participaron máis de 150 expositores de Asturias e Galicia, reforzando a dinamización económica e social da comarca e contribuíndo á súa proxección turística e territorial.

Vegadeo e a súa feira apostan por potenciar a innovación e o emprendemento, reforzar a cooperación transfronteiriza e comarcal, servir de escaparate para un novo modelo económico, impulsar o nome do territorio como marca diferenciada e ampliar a súa dimensión cultural e social.

A Moexmu 2026 celebrarase do 10 ao 12 de abril e incluirá a XLII edición da Mostra Exposición de Muimenta, a XXXIV edición do Concurso Autonómico de Gando Frisón, a XL edición do Concurso de Gando Frisón, a XL edición da Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a XXX edición da Poxa de Gando Selecto. A organización agradece por anticipado a colaboración de todas as persoas implicadas.

⚙ Configurar cookies
0.089521169662476