Cervo xa ten data para a XIX Festa do Ovo Frito, que repartirá 8.000 ovos e 4.000 chourizos

AMariñaXa
A cita celebrarase o 14 de agosto nas inmediacións da Praza do Souto, con racións a 7 euros, animación musical e a previsión de reunir a milleiros de persoas
festa-ovo-frito-cervo
15 Jul 2026

Cervo acollerá o vindeiro venres 14 de agosto unha nova edición da Festa do Ovo Frito, que este ano alcanza a súa décimo novena convocatoria. O evento, convertido xa nun dos clásicos do verán na Mariña, desenvolverase nas inmediacións da Praza do Souto e volverá reunir a veciñanza e visitantes arredor dunha proposta que combina gastronomía, música e ambiente festivo.

A organización corre a cargo das asociacións culturais Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, coa colaboración do Concello de Cervo.

O reparto das racións dará comezo ás 20:00 horas. Cada unha delas incluirá ovos fritos, patacas, chourizo, pan e bebida, cun prezo de 7 euros. Para atender a afluencia prevista, a organización ten preparados 8.000 ovos e 4.000 chourizos, que serán elaborados ao longo da tarde diante do público, un dos elementos máis característicos desta celebración.

A programación completarase coa animación da Charanga DGT, que percorrerá as rúas da localidade, e coa actuación da Disco Móbil Conxuro, encargada de poñer o broche musical á festa ata ben entrada a noite.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, convidou á cidadanía e ás persoas que visitan a comarca durante o verán a participar nunha celebración “que xa forma parte da identidade do noso verán e que cada ano demostra a enorme capacidade de Cervo para acoller a milleiros de persoas nun ambiente familiar e de convivencia”.

A rexedora tamén quixo agradecer “o extraordinario traballo e a implicación das asociacións Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, así como de todas as persoas voluntarias que fan posible unha cita destas dimensións. Grazas ao seu esforzo e compromiso, esta festa segue medrando edición tras edición e consolidándose como un referente gastronómico e festivo da Mariña”.

Caramés destacou ademais que “a Festa do Ovo Frito é tamén un importante reclamo turístico e económico para o municipio, que contribúe a dar a coñecer Cervo como un destino atractivo durante o verán”.

Desde o Concello animan a achegarse o 14 de agosto á Praza do Souto para desfrutar dunha das celebracións máis concorridas do calendario estival cervense, na que a gastronomía e a música volverán ser as grandes protagonistas.

0.12017607688904