Cervo terá a primeira edición do karaoke pola igualdade para o día 12 de marzo

AMariñaXa
Cervo prepara a primeira edición do karaoke pola igualdade en homenaxe á figura da muller para celebrar o Día Internacional da Muller
karaoke pola igualdade cervo 2023
karaoke pola igualdade cervo 2023
26 feb 2023

O Concello de Cervo e a delegación de Muller e Igualdade, que dirixe Pilar Armada, organiza coas diferentes asociacións de mulleres do municipio -Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa Alborada, Mulleres Rurais As Espalladoras e Mulleres en Igualdade de Cervo- a primeira edición do Karaoke pola Igualdade en homenaxe á figura da muller.

O concurso terá lugar o domingo 12 de marzo no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao ás 19.00 horas.

Os participantes deberán escoller unha canción composta ou popularizada por mulleres que se atope na lista de temas dispoñible no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello de Cervo (www.concellodecervo.com). Na mesma sección atoparán a ficha de solicitude para a participación no concurso e toda a información necesaria nas bases reguladoras.

Todo aquel que decida interpretar unha canción que non se atope na lista deberá avisar con anterioridade para comprobar se pode ser reproducida polos medios técnicos da organización. Se non fose posible, deberán aportar outra proposta ou adaptarse aos temas incluídos na lista.

A ficha de inscrición deberá presentarse no rexistro municipal do Concello –onde tamén estarán dispoñibles para cubrir no momento- xunto a unha copia do N.I.F do participante ou do seu titor legal, no caso de menores de idade. O prazo de inscrición no propio concello rematará o venres 10 de marzo ás 15.00 horas.

Tamén se permitirán as solicitudes entregadas o mesmo día do concurso aos traballadores responsables na Casa da Cultura antes dos ensaios previos dos participantes, que darán comezo ás 17.00 horas.

O concurso contará con diversos premios en distintas categorías que abarcan todas as idades. Peques (menores de 12 anos), con dous premios á mellor voz de 75 euros e premio á mellor caracterización de 50 euros. Júnior (rapaces de 12 a 18 anos) con dous premios á mellor voz de 100 euros e premio á mellor caracterización de 75 euro; e Veteranos (18 anos en adiante) con dous premios á mellor voz de 150 euros e premio á mellor caracterización de 100 euros.

O xurado –formado por un membro de cada unha das asociacións- terá en conta para o primeiro premio a calidade da voz, modulación ou entoación. No segundo caso, valorarase o vestiario, maquillaxe e aspectos similares. Unha vez resolto o concurso, realizarase o pago dos premios a posteriori tal e como recollen as bases reguladoras.

Dende o Concello de Cervo animan a todos os interesados a participar no tan esperado Karaoke pola Igualdade 2023 con motivo de demostrar os seus dotes artísticos nun ambiente de diversión e apoiar a loita pola igualdade e a defensa da muller.

karaoke pola igualdade cervo 2023