Cervo renova o seu apoio a Saúde Mental A Mariña

AMariñaXa
O convenio permitirá dar continuidade á atención ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias, así como ás iniciativas que a entidade desenvolve no municipio
Cervo-Convenio-saúde-mental
4 Sep 2026

O Concello de Cervo renovou a súa colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña mediante a sinatura dun novo convenio dotado con 20.000 euros, destinado a contribuír ao mantemento dos programas, servizos e recursos que a entidade presta ás persoas usuarias e ás súas familias.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, formalizou o acordo co presidente da asociación, Jorge Manchado, nun encontro no que tamén participou a directora xeral técnica, María José Nóvoa.

A colaboración entre ambas as partes mantense ao longo de todo o ano e ten unha presenza directa no municipio, onde Saúde Mental A Mariña dispón de dúas unidades residenciais. A entidade participa ademais en diferentes propostas promovidas polo Concello.

Entre elas atópase o programa Arruguiñas, destinado ás persoas maiores de Cervo. Neste marco, a asociación desenvolve obradoiros terapéuticos centrados no benestar emocional que tamén buscan fomentar a participación e crear espazos de encontro entre os participantes.

García Caramés destacou que o convenio pretende favorecer a continuidade dunha atención especializada e próxima, orientada a mellorar a autonomía, a inclusión e a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental.

"Para o Concello de Cervo é importante seguir ao lado de Saúde Mental A Mariña e apoiar o extraordinario traballo que realizan cada día", sinalou a rexedora, que incidiu tamén na necesidade de avanzar na sensibilización social.

Neste sentido, defendeu que a saúde mental debe ocupar un lugar prioritario e apostou por "seguir falando dela con naturalidade, derrubando estigmas e facilitando que as persoas que precisan apoio poidan atopalo".

O Concello subliña ademais que mantén unha comunicación permanente coa asociación para coñecer as súas necesidades e estudar novas vías de colaboración que permitan reforzar o traballo que desenvolve tanto en Cervo como no conxunto da Mariña.

0.13283801078796