Cervo renova o Diploma de Ouro de Praias sen Fume con catro areais na rede galega

AMariñaXa
O Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta forman parte da iniciativa coa que se busca fomentar hábitos saudables e reducir a presenza de fume e residuos de tabaco nos areais
cervo-praia-sen-fume-2026
4 Sep 2026

O Concello de Cervo volveu ser recoñecido co Diploma de Ouro do programa Praias sen Fume, unha distinción que pon en valor a implicación municipal na promoción de hábitos de vida saudables e na conservación dos espazos naturais. O municipio mantén catro dos seus areais dentro desta rede galega: O Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, recolleu o galardón de mans do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante un acto celebrado na praia do Club Fluvial de Begonte.

O recoñecemento permite a Cervo renovar a súa condición de municipio comprometido coa iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que pretende avanzar cara a espazos costeiros máis saudables e reducir tanto a exposición ao fume como os residuos relacionados co consumo de tabaco.

García Caramés destacou a satisfacción que supón para o municipio conservar un ano máis o Diploma de Ouro e incidiu especialmente no carácter educativo da iniciativa. "Detrás deste recoñecemento hai unha aposta clara por educar, concienciar e promover hábitos saudables, especialmente entre os máis novos", sinalou.

A rexedora reivindicou tamén os areais como lugares nos que conflúen o lecer, a convivencia e o respecto pola natureza. "As praias son espazos de convivencia, de ocio e de contacto coa natureza, e queremos que quen as desfrute poida facelo nunha contorna limpa e libre de fume", afirmou.

Concienciación máis alá da prohibición

Desde o Concello inciden en que a finalidade do programa vai máis alá de impedir o consumo de tabaco nestes espazos e busca introducir progresivamente novos hábitos entre a poboación. Neste sentido, García Caramés explicou que "non se trata só de dicir que non se pode fumar, senón de conseguir que, pouco a pouco, entendamos que non fumar nas praias é unha cuestión de respecto cara ás demais persoas e tamén cara ao noso patrimonio natural".

Outro dos aspectos nos que fixo fincapé a alcaldesa é o impacto dos residuos do tabaco sobre o medio ambiente, particularmente das cabichas que quedan abandonadas nos areais. "Un xesto tan pequeno como recoller e non deixar residuos na praia pode marcar unha gran diferenza na conservación da nosa costa", apuntou.

O programa Praias sen Fume comezou a desenvolverse en Galicia en 2016 co obxectivo de fomentar estilos de vida saudables, contribuír á prevención do tabaquismo e diminuír a presenza de fume e residuos asociados ao tabaco nas praias.

A incorporación dos concellos é voluntaria e a iniciativa baséase principalmente na sensibilización e na colaboración cidadá. Coa continuidade do Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta dentro da rede e a renovación do Diploma de Ouro, Cervo mantén a súa aposta por combinar a promoción da saúde coa protección e conservación da súa costa.

0.1206431388855