Cervo renova o alumeado público de Galdín cunha aposta pola eficiencia enerxética

O Concello de Cervo vén de completar un proxecto de renovación integral da iluminación pública na zona de Galdín, unha actuación dirixida a mellorar a eficiencia enerxética, optimizar a calidade do alumeado viario e reducir tanto o consumo eléctrico como a contaminación lumínica.
Os traballos consistiron fundamentalmente na substitución das antigas luminarias por novas luces LED de baixo consumo, mantendo o deseño orixinal do alumeado e garantindo a súa adaptación aos báculos xa existentes. En total, renováronse 17 puntos de luz con luminarias LED de 30 watts e instaláronse dous novos puntos de iluminación nunha rúa anexa, aproveitando a preinstalación eléctrica realizada polo Concello durante as recentes obras de urbanización integral da contorna.
Esta intervención permitiu reducir a potencia total instalada de 2.100 watts a 730 watts, o que se traduce nun aforro enerxético do 65,23 %. Ao mesmo tempo, melloráronse os niveis de luminosidade, cumprindo coa normativa vixente para este tipo de vías e incrementando a seguridade para peóns e vehículos.
O proxecto inclúe tamén a incorporación dun reloxo astronómico que regula automaticamente o acendido e apagado do alumeado público en función das horas reais de saída e posta do sol ao longo do ano. Este sistema permite un uso máis eficiente da enerxía, reduce o consumo innecesario e diminúe as necesidades de mantemento da rede.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou a actuación xunto ao concelleiro Adrián Arias e destacou que esta intervención “é un exemplo claro do compromiso do Concello coa eficiencia enerxética e coa sustentabilidade ambiental, ao tempo que melloramos a seguridade e a calidade de vida da veciñanza”. Así mesmo, subliñou que o apoio da Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental “permítenos seguir modernizando as infraestruturas municipais e reducir o consumo eléctrico e a contaminación lumínica”.
O investimento total ascendeu a 39.719,84 euros, financiados pola Xunta de Galicia mediante o Fondo de Compensación Ambiental, ao abeiro da orde do 23 de xaneiro de 2025, destinada a apoiar ás entidades locais na execución de proxectos sostibles e respectuosos co medio ambiente. Desde o Concello incídese en que esta actuación forma parte da estratexia municipal de mellora continua dos servizos públicos e aposta decidida pola sustentabilidade.