Cervo reforza o seu apoio ás artes marciais cun novo convenio de colaboración coa Escola local

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo, Miguel Ángel Rojo, mantiveron este mediodía unha reunión de traballo na que analizaron o presente e o futuro da entidade deportiva no municipio.
Durante o encontro abordaron o calendario de actividades previstas para os próximos meses, así como as principais necesidades do club e as posibles vías de colaboración co Concello co obxectivo de seguir fortalecendo e consolidando esta disciplina deportiva en Cervo.
No transcurso da xuntanza tamén se formalizou un convenio de colaboración entre ambas as partes, mediante o cal o Concello achegará unha subvención de 3.000 euros destinada ao funcionamento e desenvolvemento das actividades da Escola de Artes Marciais durante o ano 2026.
A rexedora puxo en valor o traballo que realiza a entidade, subliñando o seu papel na formación deportiva e persoal da mocidade. García Caramés destacou que a Escola “desenvolve unha labor extraordinaria, formando deportistas a través de valores como o esforzo, a disciplina e o respecto, contribuíndo a situar Cervo no centro das artes marciais con cada evento que promove no municipio”.
Así mesmo, a alcaldesa sinalou que este apoio económico se enmarca nunha liña estable de colaboración do Concello co tecido deportivo local. “Esta é unha partida que chega a todas as entidades e clubs do concello, porque entendemos o deporte como un piar fundamental polo seu valor social, educativo e de saúde”, explicou.