Cervo reforza o embelecemento urbano con novas hidromacetas en San Cibrao

AMariñaXa
As farolas da Praza do Concello e da rúa Aduana incorporan plantas de tempada con sistema de autorego
CERVO-plantas-rua-aduana-2026
13 Jan 2026

O Concello de Cervo vén de levar a cabo a instalación de hidromacetas con plantas de tempada nos farois da Praza do Concello e da rúa Aduana, en San Cibrao, unha actuación orientada a mellorar a imaxe urbana e a calidade visual destes espazos públicos moi transitados.

As novas macetas, que contan cun sistema de autorego incorporado, forman parte das tarefas de mantemento, coidado e embelecemento que o Concello desenvolve de maneira continuada con fondos propios. A incorporación de elementos vexetais busca crear contornas máis agradables, acolledoras e atractivas tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou os traballos xunto á concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e puxo en valor este tipo de intervencións, destacando que “as plantas de tempada achegan cor e vistosidade ao conxunto urbano”. A rexedora subliñou tamén que o Concello “segue a investir con recursos propios na mellora dos espazos públicos, porque un municipio coidado repercute directamente na calidade de vida da veciñanza e na imaxe que proxectamos cara ao exterior”.

García Caramés engadiu que estas actuacións “suman pequenos detalles que fan máis agradables as zonas máis frecuentadas, tanto para quen vive aquí como para quen nos visita”, incidindo na importancia de manter un entorno urbano coidado e sostible.

Desde o Concello de Cervo aseguran que se continuará traballando na conservación e mellora dos espazos públicos, reforzando o compromiso cun modelo de municipio máis amable, verde e respectuoso co entorno.

⚙ Configurar cookies
0.079033136367798