Cervo reforza a seguridade viaria co acondicionamento do vial interior de Lieiro

AMariñaXa
O Concello inviste máis de 20.000 euros de fondos propios na mellora dun tramo de 283 metros ata a estrada provincial LUP-1507
Cervo-obras-vía-Lieiro-2026
28 Feb 2026

O Concello de Cervo avanza estes días na execución das obras de reparación e posta a punto do viario que conecta o núcleo interior de Lieiro, unha intervención que busca reforzar a seguridade da circulación e alongar a vida útil da calzada nun tramo moi transitado pola veciñanza.

A actuación céntrase nun percorrido de aproximadamente 283 metros de lonxitude e cunha anchura media de 4,5 metros, que discorre desde o interior do núcleo de Lieiro ata o cruzamento coa estrada provincial LUP-1507. Trátase dunha vía de uso cotián que, co paso do tempo e polo tráfico que soporta, presentaba un notable desgaste no pavimento.

Os traballos inclúen unha primeira fase de bacheo nas zonas máis deterioradas para, posteriormente, proceder á renovación completa da capa de rodadura. Ademais, estase a realizar a limpeza e o saneamento das cunetas existentes, respectando en todo momento a cota orixinal do firme, co obxectivo de garantir unha correcta evacuación das augas e unha maior estabilidade da infraestrutura.

O investimento supera os 20.000 euros e será asumido integramente con cargo ao remanente de tesourería municipal. Deste xeito, o Goberno local aposta por empregar fondos propios para continuar coa mellora progresiva das infraestruturas sen necesidade de recorrer a financiamento externo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, supervisou persoalmente o desenvolvemento das obras acompañada polos edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, así como por integrantes da asociación veciñal Nosa Señora de Lieiro. Durante a visita, sinalou que “esta intervención dá resposta a unha petición trasladada pola propia veciñanza e permite actuar sobre un vial fundamental no día a día de Lieiro”.

A rexedora subliñou tamén que “grazas ao remanente de tesourería podemos seguir executando actuacións prioritarias con responsabilidade económica, atendendo necesidades reais e mellorando servizos básicos”. Así mesmo, incidiu en que “coa renovación do firme increméntase a durabilidade da estrada e mellóranse de maneira notable as condicións de circulación, ofrecendo máis seguridade a condutores e peóns”.

Con esta obra, o Concello reafirma o seu compromiso coa conservación e modernización da rede viaria municipal, apostando por intervencións que repercutan directamente na calidade de vida da veciñanza.

0.12251901626587