Cervo recoñecido na Gala do Atletismo Galego por impulsar o deporte base

O Concello de Cervo foi distinguido este pasado venres na Gala do Atletismo Galego 2025, organizada pola Federación Galega de Atletismo, nun acto que reuniu en Santiago aos principais protagonistas deste deporte en Galicia para recoñecer o traballo realizado ao longo do último ano.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, participou activamente na gala, facendo entrega de varios recoñecementos e recollendo tamén a distinción concedida ao Concello de Cervo como entidade destacada na promoción do atletismo galego. Segundo afirmou, “é un orgullo para Cervo recibir este recoñecemento, froito do esforzo conxunto de clubs, deportistas, familias e de todo un municipio comprometido co deporte”.
O galardón pon en valor a implicación do municipio no impulso do deporte base, así como a súa colaboración co programa XOGADE e a organización de citas destacadas como o Desafío Cervo ou o I Encontro Cantábrico de Atletismo. Caramés destacou que “seguiremos apostando polo atletismo e polo deporte base como ferramentas fundamentais para fomentar hábitos saudables e valores entre a nosa mocidade”.
A rexedora tamén puxo en valor a calidade das instalacións municipais e a capacidade organizativa do Concello, xunto ás diferentes entidades e clubs locais, para acoller competicións de alto nivel. Neste senso, avanzou que Cervo continuará sendo escenario de citas deportivas relevantes, lembrando que este próximo domingo as pistas municipais acollerán o II Encontro Cantábrico de fondo, consolidando o municipio como un referente na organización de probas atléticas en Galicia.
Caramés tivo palabras de agradecemento para todas as persoas e entidades que fan posible o crecemento do atletismo no municipio, salientando o papel dos clubs locais, como Maderas Barcia Cervo e a sección de atletismo do CD San Ciprián. A alcaldesa subliñou que este tipo de recoñecementos “animan a seguir traballando na mesma liña, reforzando o apoio ao deporte e promovendo iniciativas que sitúen a Cervo como referente en Galicia”.
A Gala do Atletismo Galego volveu reunir nun mesmo escenario a deportistas, técnicos, xuíces e institucións, recoñecendo o esforzo e os éxitos acadados ao longo da tempada, consolidándose como unha cita de referencia no calendario deportivo galego.