Cervo recoñece o talento literario e creativo no Certame do Día do Libro

O Concello de Cervo celebrou o acto de entrega dos premios do Certame do Día do Libro, unha iniciativa coa que busca incentivar o gusto pola lectura, a escritura e a creatividade entre a veciñanza de todas as idades. A alcaldesa, Dolores García Caramés, presidiu a entrega dos galardóns, acompañada pola concelleira Mali Méndez, nun encontro que tamén serviu para recoñecer o esforzo de todas as persoas participantes.
Na categoría infantil, dedicada á elaboración de marcapáxinas, o primeiro premio foi para Celia Blanco, seguida de Mara Blanco no segundo posto e de Nuno Villares, que acadou o terceiro.
Pola súa banda, na categoría de Primaria, o xurado distinguiu os traballos de Laia Rodríguez, gañadora do primeiro premio, mentres que Paula Martínez obtivo o segundo. O terceiro posto foi compartido por Jesús López e Samuel Riera, que empataron na valoración final.
No apartado reservado para persoas adultas, o primeiro premio recaeu na obra Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. O segundo galardón foi para O merodeador da néboa, de Manuel Fernández, mentres que o terceiro correspondeu a Ou lobo ou o can, presentada por Xolo.
Durante o acto, o Concello tamén puxo en valor a implicación de todas as persoas que decidiron participar nesta edición do certame, destacando tanto o número de traballos recibidos como o nivel creativo das propostas presentadas.
A alcaldesa felicitou ás persoas premiadas e agradeceu o compromiso das familias e da veciñanza con esta iniciativa cultural. Dolores García Caramés salientou que "a lectura abre portas ao coñecemento, á creatividade e á imaxinación" e destacou que este certame constitúe unha oportunidade para descubrir novos talentos e seguir fortalecendo o interese polos libros e pola creación literaria.
Desde o Concello reiteran a súa aposta por promover actividades que impulsen a cultura e fomenten a participación cidadá, consolidando este certame como unha ferramenta para estimular a expresión artística e literaria no municipio.