Cervo recibe aos participantes da segunda edición do Campus de Verán de Waterpolo

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, deu a benvida este xoves aos rapaces e rapazas que participan na segunda edición do Campus de Verán de Waterpolo, que se celebra ao longo desta semana nas instalacións da Piscina Municipal de Lieiro, organizado pola Federación Galega de Natación.
No acto, celebrado en San Ciprián, a rexedora estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, con quen compartiu un encontro cos participantes e co equipo técnico encargado do campus.
Durante a recepción, García Caramés agradeceu á Federación Galega de Natación que escollese de novo o municipio para desenvolver esta actividade, que combina deporte, formación e convivencia. A alcaldesa destacou tamén a importancia de iniciativas deste tipo para contribuír á dinamización de Cervo durante a tempada estival.
Ademais das sesións específicas de adestramento de waterpolo, o programa inclúe diferentes actividades complementarias destinadas a que os participantes coñezan o municipio e poidan desfrutar dos seus recursos.
Entre elas figura a actividade municipal de kaiak, prevista para este venres no peirao de San Ciprián, na que os integrantes do campus se incorporarán á programación de lecer organizada polo Concello.
Desde o Concello de Cervo trasladaron os seus bos desexos aos participantes para esta semana, coa confianza de que, ademais de reforzar a súa preparación deportiva, leven un bo recordo da súa estancia no municipio.