Dolores García: "A concesión da bandeira verde supón un impulso para continuar avanzando cara a un modelo máis sostible"

AMariñaXa
O recoñecemento da Xunta distingue as medidas municipais para mellorar a eficiencia enerxética, reducir residuos, recuperar espazos naturais e favorecer a biodiversidade
Bandeira-verde-Cervo
22 Oct 2026

O Concello de Cervo vén de recibir a Bandeira Verde de Galicia, un distintivo co que a Xunta recoñece os municipios que destacan polas súas iniciativas de protección ambiental, sustentabilidade e conservación da paisaxe e do patrimonio natural.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, recolleu este mércores o recoñecemento en Ribadulla, no municipio de Vedra. A distinción pon en valor as actuacións impulsadas desde a Administración local para mellorar a contorna e a calidade de vida da veciñanza.

Entre as medidas presentadas nesta convocatoria figuran as melloras de accesibilidade en espazos urbanos e patrimoniais, como o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, a recuperación de itinerarios peonís e a posta en valor de sendeiros na contorna costeira de San Ciprián e nos núcleos rurais.

A protección do litoral e da biodiversidade constitúe outro dos ámbitos destacados. O Concello instalou contedores fabricados con materiais reciclados para recoller residuos mariños e dispositivos específicos para cabichas nas praias. Tamén desenvolve accións como a colocación de caixas niño, a plantación de especies autóctonas e a eliminación de flora exótica invasora.

No eido enerxético, as actuacións inclúen a renovación progresiva do alumeado público, a mellora da eficiencia dos edificios municipais e a instalación de caldeiras de pellets en equipamentos públicos. A estas iniciativas súmase a adhesión de Cervo ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía.

A xestión dos residuos e da auga complétase co fomento da compostaxe doméstica, a recollida de biorresiduos, o funcionamento dos puntos limpos fixo e móbil e as melloras nas redes de abastecemento e saneamento.

A sensibilización ambiental tamén forma parte das iniciativas municipais, con programas como Coida Cervo e actuacións de restauración ecolóxica e reforestación.

A alcaldesa agradeceu a concesión do distintivo e sinalou que supón un impulso para continuar avanzando cara a un modelo máis sostible. García Caramés destacou, ademais, a importancia de compatibilizar a mellora dos servizos e dos espazos públicos coa conservación dos recursos naturais e incidiu no papel da veciñanza para consolidar estes avances.

0.1730101108551