Cervo promove a inclusión e a convivencia a través da xornada deportiva “Corremos xuntos, chegamos xuntos”

AMariñaXa
A iniciativa, impulsada polo CEIP Península da Paz con motivo do Día Escolar da Paz, celebrarase este mércores nas pistas de atletismo municipais
carreira-Península-da-Paz-CERVO-2026
3 Feb 2026

O Concello de Cervo puxo en valor a xornada “Corremos xuntos, chegamos xuntos”, unha actividade deportiva e de convivencia organizada polo CEIP Península da Paz co obxectivo de fomentar valores como a inclusión, a solidariedade e o respecto a través do deporte. A proposta conta coa colaboración do Concello e de numerosas entidades educativas e sociais do municipio.

A actividade, prevista inicialmente para o pasado 30 de xaneiro coincidindo coa celebración do Día Escolar da Paz, tivo que ser adiada por mor das condicións meteorolóxicas adversas e celebrarase finalmente mañá, mércores 4 de febreiro, nas pistas de atletismo municipais.

A presentación da xornada contou coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, do concelleiro Adrián Arias, así como de representantes do centro organizador e das entidades participantes, entre as que se atopan o CEIP de Cervo, o IES Marqués de Sargadelos, o Centro de Día Residencia, Aspanane, Saúde Mental A Mariña e DJ Ovo, encargado de amenizar o evento, ademais da colaboración de Alcoa e LULADOM.

O programa inclúe a recollida solidaria de alimentos, a lectura de manifestos, carreiras adaptadas, unha merenda e un baile final, pechando a xornada cun acto simbólico de agradecemento. Desde o Concello destacan a importancia destas iniciativas para reforzar valores educativos e sociais fundamentais.

⚙ Configurar cookies
0.077183961868286