Cervo prepárase para vivir unha semana de festas con música, tradición e actividades para todas as idades

AMariñaXa
As celebracións na honra da Nosa Señora, da Virxe do Carme e de San Roque desenvolveranse do 14 ao 16 de agosto e culminarán o día 22 coa XLVIII Queimada Popular
cervo-festas-agosto-2026
31 Jul 2026

O Concello de Cervo volverá converterse nun dos epicentros festivos da comarca coa celebración das tradicionais festas na honra da Nosa Señora, da Virxe do Carme e de San Roque. A programación, que se desenvolverá entre os días 14 e 16 de agosto, reunirá propostas relixiosas, musicais, gastronómicas e de lecer pensadas para atraer tanto á veciñanza como aos numerosos visitantes que cada verán se achegan á localidade.

Os festexos darán comezo o venres 14 de agosto coa xa consolidada Festa do Ovo Frito, organizada polas asociacións Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira. A cita estará amenizada pola Charanga DGIT e pola Discomóbil Conxuro, que prolongarán o ambiente festivo ata a madrugada.

A xornada do 15 de agosto, festividade da Nosa Señora, abrirase ás 13.00 horas coa misa solemne cantada polo Coro de Cervo e a posterior procesión acompañada por Fol do Raxal. Ao remate haberá sesión vermú co grupo Euphoria, formación que tamén protagonizará a verbena nocturna xunto ao Dúo Caramelo.

O programa continuará o 16 de agosto, día de San Roque, cun esquema similar, coa celebración da misa e da procesión á mesma hora. A música correrá a cargo da Orquestra Galaxia, encargada tanto da sesión vermú como da verbena. Ademais, desde as 18.00 horas, a Praza do Souto acollerá unha zona de inchables para o público infantil.

As celebracións pecharanse o 22 de agosto coa celebración do Mercado Tradicional e da XLVIII Queimada Popular de Cervo, organizada por Airiños do Xunco e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, unha das citas máis representativas do calendario estival do municipio.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou o traballo desenvolvido polas asociacións organizadoras e polo voluntariado para facer posible unha programación variada, ao tempo que animou á cidadanía a participar nunhas festas que contribúen a manter vivas as tradicións e a dinamizar a vida social e económica de Cervo durante o verán.

PROGRAMACIÓN

0.13182282447815