Cervo prepárase para unha noite de lume, tradición e música coa 48ª Queimada Popular

Cervo volverá converterse o sábado 22 de agosto nun dos grandes focos festivos da Mariña coa celebración da 48ª edición da Queimada Popular. A cita, declarada Festa de Interese Turístico Galego, reunirá durante toda a xornada tradición, gastronomía, teatro, música e unha das escenificacións máis características do calendario cultural do municipio.
A celebración está organizada pola asociación Airiños do Xunco en colaboración co Concello de Cervo. A presentación desta nova edición contou coa alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira Mali Méndez; o edil Adrián Arias e representantes do colectivo organizador.
A actividade comezará ás 10.00 horas coa apertura do Mercado Tradicional de Cervo, que reunirá postos de artesanía, gastronomía e produtos locais. Ao mediodía terá lugar o pregón das autoridades e continuará a animación polo recinto. Os propios postos ofrecerán tamén diferentes propostas para o xantar popular.
Será coa chegada da noite cando a Queimada entre na súa parte máis esperada. Ás 23.00 horas iniciarase a tradicional baixada cara á Praza do Souto, que volverá ser o corazón da celebración. Alí desenvolverase a representación da Queimada, un espectáculo no que o lume, as lendas e a dramatización se combinan para recrear a particular atmosfera desta festa.
Tras a escenificación chegará o conxuro e, posteriormente, realizarase o reparto da queimada entre o público asistente.
A música tomará o relevo para prolongar a celebración durante a madrugada. O programa contará coa actuación de A Banda do Elías, tributo a Los Suaves, e coa presenza de Javi Maneiro, exvocalista de Herdeiros da Crus. A Discomóbil Conxuro completará a oferta musical da noite.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou o vínculo da celebración coa historia e as raíces do municipio e puxo en valor o traballo desenvolvido por Airiños do Xunco para manter e facer medrar a cita ao longo dos anos. A rexedora incidiu ademais na capacidade da Queimada para reunir milleiros de persoas arredor dunha proposta que conserva os seus elementos tradicionais ao tempo que incorpora unha ampla programación festiva.
Desde o Concello animan tanto á veciñanza como aos visitantes a participar nunha celebración que chega ás 48 edicións convertida nun dos referentes culturais e festivos do verán na comarca.