Cervo pon en marcha clases semanais de baile de salón en San Cibrao

San Cibrao contará a partir de setembro cunha nova proposta destinada a achegar o baile de salón a persoas de diferentes idades. A Asociación Arama e a Escola de Baile Hover Cross impulsan unhas clases semanais que se desenvolverán todos os martes no pavillón do CEIP Península da Paz, coa colaboración do Concello de Cervo.
As sesións comezarán o martes 15 de setembro, ás 21.00 horas, e estarán impartidas por profesorado titulado. A actividade está pensada tanto para aquelas persoas que queiran iniciarse no baile como para quen xa conte con coñecementos e desexe perfeccionar a súa técnica.
O programa permitirá practicar unha ampla variedade de estilos, entre eles vals, pasodobre, tango, foxtrot, merengue, cumbia, bachata, salsa e chachachá.
A iniciativa foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira Mali Méndez, xunto co presidente de Arama, Manuel Casas, o profesor internacional de baile de salón Francisco Villarino e a profesora Saray Morales, que serán os encargados de impartir a formación.
Máis alá da aprendizaxe dos diferentes ritmos, as clases buscan fomentar a actividade física e converterse nun punto de encontro para a veciñanza. A proposta pretende ofrecer unha alternativa de lecer que permita compartir experiencias, favorecer as relacións sociais e desfrutar do baile nun ambiente participativo.
As persoas interesadas en asistir ou solicitar máis información poden contactar a través dos teléfonos 648 033 250, 620 817 300 ou 630 864 427.
Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza a participar nesta nova actividade, que terá carácter semanal e permitirá achegarse a diferentes modalidades de baile de salón en San Cibrao.