Cervo pecha o 12 de novembro o prazo para pedir as axudas ao transporte e ao material escolar

O Concello de Cervo lembra que o prazo para solicitar as axudas ao transporte escolar do curso 2025-2026 e as destinadas á adquisición de libros e material escolar para o alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil remata o vindeiro 12 de novembro. As solicitudes poderán presentarse ata esa data, incluída, no Rexistro Xeral municipal.
Para as subvencións ao transporte, o Concello dispón dunha partida de 12.000 euros procedentes de fondos propios. Estas achegas están dirixidas a estudantes menores de 30 anos que teñan que desprazarse fóra de Cervo para cursar ensinanzas que non se ofrecen nos centros educativos do municipio.
A convocatoria establece dúas contías, de 150 e 250 euros, que se asignarán en función dos ingresos da unidade familiar. Poden beneficiarse estudantes universitarios, de conservatorios ou escolas de música, de modalidades de Bacharelato que non se impartan en Cervo e de ciclos medios ou superiores de Formación Profesional, sempre que cumpran as condicións recollidas nas bases.
As persoas interesadas deberán achegar a documentación esixida, entre a que se inclúen copias dos DNI dos membros maiores de idade da unidade familiar, o libro de familia, as autorizacións para consultar datos noutras administracións e os xustificantes académicos dos estudos realizados durante o curso 2025-2026. Nos casos nos que sexa necesario, tamén deberán presentar o certificado oficial de discapacidade ou dependencia.
As bases completas das convocatorias están dispoñibles na Casa do Concello, na Casa da Cultura e na sede electrónica municipal.