Cervo mellora o acceso rural en Cambeiros cunha actuación de máis de 48.000 euros

O Concello de Cervo está a levar a cabo estes días unha serie de traballos de mellora e acondicionamento nun camiño rural situado no lugar de Cambeiros, na parroquia da Rúa. A intervención abrangue unha superficie de 3.390 metros cadrados e conta cun orzamento de 48.158,45 euros, financiado a través do Plan Único.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Medio Rural, Adrián Arias, desprazáronse ata a zona para supervisar o avance das obras, que teñen como obxectivo principal optimizar a accesibilidade ás parcelas da contorna. O proxecto contempla a renovación da capa de rodadura para mellorar a circulación, así como a apertura de cunetas que permitan unha correcta drenaxe das augas pluviais. Ademais, realizarase unha limpeza manual dos caños existentes para garantir a evacuación da auga da chuvia.
Segundo destacou a rexedora, esta actuación mellorará significativamente a seguridade tanto para os vehículos como para os peóns, creando un camiño rural máis accesible, cómodo e seguro. Engadiu ademais que con este proxecto refórzanse as infraestruturas básicas da zona, contribuíndo ao desenvolvemento e modernización das dotacións públicas no ámbito rural do municipio.