Cervo mellora a rede viaria en Gondrás
O Concello de Cervo acometeu traballos de mellora de distintas arterias de comunicación do lugar de Gondrás. En concreto, actuouse nun tramo de 562 metros lineais cuxa superficie total ascende a 2.541,30 m2. A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, achegáronse ata a zona para ver in situ a actuación.
Os traballos supoñen unha mellora da rede viaria deste burgo e que está cofinanciada pola Xunta de Galicia, con fondos AGADER dentro do Plan Marco de Melloras de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas e que supuxo un investimento de 35.853,49 euros.
Caramés explicou que a obra foi concibida co obxectivo de mellorar o firme destes camiños sen variar a súa natureza, conseguindo unha boa evacuación e drenaxe das augas pluviais. A alcaldesa fixo fincapé na importancia deste tipo de actuacións “que contribúen a poñer en valor o noso rural, facéndoo máis seguro e accesible”; un aspecto sobre o que incidimos en cada obra que abarcamos.