Cervo mellora a contorna da Escola de Rúa cun investimento superior aos 200.000 euros

AMariñaXa
O Concello acomete unha actuación integral na parcela e reforza o uso social e cultural do espazo tras a rehabilitación do antigo edificio escolar
cervo-PARCELA-DA-ESCOLA-DE-RÚA
29 May 2026

O Concello de Cervo continúa avanzando na modernización das infraestruturas públicas da parroquia de Rúa cun novo proxecto de acondicionamento da parcela na que se sitúa a antiga escola. A actuación, que supera os 200.000 euros de investimento, busca optimizar a funcionalidade do espazo e mellorar a súa imaxe para adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza.

Os traballos, financiados integramente con fondos municipais, contan cun orzamento concreto de 203.525,01 euros e céntranse principalmente na renovación dos pavimentos exteriores da parcela. O executivo local decidiu substituír a superficie de rego asfáltico existente por unha nova plataforma de formigón armado, unha solución máis resistente pensada para soportar o tránsito habitual de vehículos pesados durante a celebración de actividades e eventos.

Desde o Concello explican que esta alternativa permitirá incrementar a durabilidade do firme e reducir problemas de mantemento, evitando tamén a aparición de vexetación nas zonas con menor tránsito.

A intervención inclúe ademais a renovación completa das beirarrúas perimetrais, que presentaban un importante deterioro. As novas zonas peonís executaranse con lousas de granito de maior grosor colocadas sobre unha base de formigón armado, o que facilitará o paso puntual de vehículos sen provocar danos na estrutura.

Outro dos aspectos destacados do proxecto é a creación dunha nova rede de evacuación de augas pluviais. Esta actuación permitirá canalizar correctamente a auga procedente das baixantes do edificio e das canaletas, mellorando o sistema de drenaxe e evitando acumulacións en épocas de choiva.

Estas obras compleméntanse coa recente rehabilitación da antiga Escola Unitaria de Rúa, tamén promovida polo Concello de Cervo, cun investimento próximo aos 50.000 euros financiado parcialmente pola Xunta de Galicia. A actuación permitiu recuperar o inmoble, cunha superficie de 226 metros cadrados, para convertelo nun novo espazo cultural destinado ao uso da veciñanza.

Os traballos de reforma no edificio centráranse na mellora do illamento e da eficiencia enerxética mediante a instalación de trasdosados con la mineral, renovación de revestimentos e labores de pintura. Ademais, incorporáronse sistemas de ventilación con recuperador de calor e iluminación LED, co obxectivo de aumentar o confort, a seguridade e o aforro enerxético das instalacións.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou recentemente o avance das actuacións acompañada polo edil de Zona Rural, Adrián Arias, e polo pedáneo de Rúa, Ramón Elemparte. Durante a visita destacou a importancia dunha intervención que, segundo apuntou, permitirá “seguir mellorando un espazo moi utilizado pola veciñanza, adaptándoo ás necesidades actuais e garantindo a súa durabilidade no tempo”.

A rexedora tamén puxo en valor o papel activo da parroquia dentro da vida social do municipio. Neste sentido, sinalou que Rúa representa “un exemplo do dinamismo do municipio”, grazas á implicación da veciñanza na organización de actividades durante todo o ano, motivo polo que considera fundamental continuar dotando a parroquia de infraestruturas axeitadas.

Caramés subliñou ademais que a combinación da rehabilitación do edificio e da mellora da súa contorna permitirá dispoñer dun espazo “máis funcional, cómodo e versátil”, preparado para acoller iniciativas sociais e culturais e favorecer a convivencia veciñal.

Con este proxecto, o Concello de Cervo reforza a súa aposta pola recuperación e posta en valor dos espazos públicos, integrando a mellora das zonas exteriores coa adecuación de edificios destinados ao uso comunitario e cultural.

0.1248037815094