Cervo Madruga arranca o curso con máis de 30 nenos e nenas inscritos

AMariñaXa
O servizo gratuíto permite deixar os nenos e nenas nos centros desde as 7.30 horas e inclúe almorzo para quen acceda a primeira hora
Cervo-madruga-2026-presentacion
9 Sep 2026

O inicio do novo curso escolar trae consigo este mércores unha nova edición de Cervo Madruga, o programa municipal de atención temperá co que se busca facilitar a conciliación das familias antes do comezo das clases. Máis de 30 nenos e nenas están xa inscritos entre o CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz.

O servizo permite que as familias poidan deixar as crianzas nos centros educativos desde as 7.30 horas, especialmente para dar resposta ás necesidades de nais e pais que deben incorporarse aos seus postos de traballo antes do horario lectivo. Ademais, aqueles participantes que entren a esa hora dispoñen de almorzo.

Os horarios varían en función de cada colexio. No CEIP de Cervo, a atención pode prolongarse ata as 9.35 horas, mentres que no CEIP Península da Paz, en San Cibrao, existe tamén a posibilidade de utilizar o programa entre as 8.30 e as 9.30 horas.

Antes da posta en marcha desta nova edición, a alcaldesa, Dolores García Caramés, mantivo un encontro coas representantes das ANPAS dos dous centros e coas monitoras responsables do servizo para coordinar o seu funcionamento.

"Cervo Madruga naceu para dar resposta a unha necesidade real das familias, facilitándolles a posibilidade de deixar as súas crianzas no centro educativo desde primeira hora", explicou a rexedora, que tamén destacou a colaboración das asociacións de nais e pais e das profesionais encargadas da atención.

García Caramés sinalou que a iniciativa forma parte das medidas municipais destinadas a favorecer a conciliación ao longo do ano. Entre elas figura tamén Cervo Concilia, que ofrece actividades durante os períodos de vacacións escolares.

A alcaldesa incidiu en que o obxectivo é que as familias dispoñan de alternativas para compatibilizar os seus horarios mentres os menores permanecen atendidos "nunha contorna segura e con profesionais durante esas primeiras horas da mañá".

0.17648887634277