Cervo invita a participar na Romaría de Santa Eufemia de Trasbar a próxima fin de semana

AMariñaXa
A tradicional celebración terá lugar do 13 ao 16 de setembro, con misas, sesións vermú e verbenas organizadas pola asociación de veciños e o Concello de Cervo
Imaxe do cartel da Romaría de Santa Eufemia
10 sep 2024

O Concello de Cervo, en colaboración coa asociación de veciños do Burgo de Trasbar, convida a toda a veciñanza e visitantes a participar na Romaría de Santa Eufemia, que se celebrará entre o 13 e o 16 de setembro no lugar de Trasbar. Esta festividade, unha das máis esperadas da zona, incluirá unha variada programación de actividades relixiosas e festivas.

A celebración dará comezo o venres 13 ás 23.00 horas coa Disco Móbil Conxuro, que animará a primeira noite da romaría. O sábado, a xornada arrincará coa misa solemne na honra de Santa Eufemia ás 13.00 horas, seguida da sesión vermú a cargo do grupo Fénix, que tamén protagonizará a verbena da noite, a partir das 22.30 horas, xunto á Disco Móbil Conxuro.

O domingo 15, haberá outra misa ás 13.00 horas, esta vez na honra de San Antonio e o Carme, seguida dunha nova sesión vermú co Dúo Son de Festa. Ás 20.00 horas, celebrarase a misa solemne na capela de arriba. A romaría concluirá o luns, 16 de setembro, con outra misa en honra de Santa Eufemia ás 13.00 horas.

O edil de Zona Rural, Adrián Arias, e os representantes da asociación de veciños destacaron a importancia desta cita para a comunidade, e animaron a todos a desfrutar desta festividade tradicional que une fe e celebración social.

0.19413709640503