Cervo incorpora o programa Xantar na Casa para atender ata 15 persoas vulnerables

O Concello de Cervo incorporará o programa Xantar na Casa á súa rede de atención social co obxectivo de mellorar o apoio ás persoas maiores, dependentes ou en situación de vulnerabilidade. A adhesión foi aprobada no Pleno municipal, xunto coa integración da localidade no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e co convenio específico necesario para implantar o servizo.
A iniciativa responde á necesidade detectada polos Servizos Sociais municipais de ofrecer recursos que permitan garantir unha alimentación adecuada ás persoas que teñen dificultades para cubrir esta necesidade por si mesmas. Ao mesmo tempo, o programa pretende facilitar que poidan continuar vivindo nas súas casas e evitar, cando sexa posible, o ingreso en centros asistenciais.
Xantar na Casa permitirá levar comidas ao domicilio das persoas beneficiarias, de maneira que poidan manter unha dieta equilibrada sen ter que abandonar a súa vivenda. A adhesión aprobada establece inicialmente unha capacidade máxima de 15 usuarios e contempla unha achega municipal de 1,95 euros por persoa e día. O custo máximo anual estimado ascende a 10.676,25 euros.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que a incorporación deste recurso supón ampliar as ferramentas dispoñibles para atender as necesidades sociais do municipio. "A posta en marcha de 'Xantar na Casa' supón incorporar un novo recurso á rede de atención social do Concello e, sobre todo, ofrecer unha resposta concreta a persoas que poden ter dificultades para garantir por si mesmas unha alimentación axeitada", afirmou.
A rexedora incidiu tamén na importancia de que as persoas maiores e dependentes poidan permanecer no seu entorno habitual durante o maior tempo posible. "Queremos que as persoas maiores e dependentes poidan permanecer nas súas casas, na súa contorna e preto das súas familias durante o maior tempo posible, contando cos apoios necesarios para facelo con seguridade e calidade de vida", sinalou.
García Caramés explicou que a medida se enmarca na atención ás necesidades que trasladan tanto os profesionais dos Servizos Sociais como a propia veciñanza. Segundo indicou, a adhesión permitirá complementar os recursos cos que xa conta o municipio e ofrecer unha alternativa a persoas que precisan apoio para manter unha alimentación axeitada.
"Desde o Concello estamos permanentemente atentos ás necesidades que trasladan os nosos Servizos Sociais e a propia veciñanza, e neste caso consideramos que a adhesión a 'Xantar na Casa' é unha ferramenta moi útil para complementar os recursos municipais existentes", apuntou.
A alcaldesa tamén puxo o foco na dimensión social do programa, que non se limita á entrega de alimentos. "Falamos dun servizo que vai máis alá de facilitar unha comida: é tamén unha medida de apoio, acompañamento e autonomía persoal, que pode contribuír a mellorar o día a día das persoas beneficiarias e das súas familias", engadiu.
Unha vez que o convenio entre en plena vixencia, os Servizos Sociais do Concello de Cervo serán os responsables de tramitar as solicitudes das persoas interesadas, de acordo co funcionamento previsto para a implantación do servizo.
A rexedora subliñou que o goberno local pretende seguir ampliando os recursos destinados ás persoas que necesitan máis apoio, con medidas adaptadas ás necesidades reais da poboación. "Seguimos ampliando e mellorando os recursos cos que contamos para atender ás persoas que máis apoio necesitan, apostando por políticas sociais próximas, útiles e adaptadas ás necesidades reais da nosa veciñanza", afirmou.
Con esta adhesión, Cervo avanza na ampliación da súa rede de atención social, cun programa que combina o apoio alimentario coa promoción da autonomía persoal e a permanencia no domicilio das persoas maiores e dependentes.