Cervo impulsa unha nova edición do curso de Monitor de Tempo Libre para formar á mocidade

AMariñaXa
Dezasete mozos e mozas participan nesta iniciativa do programa Avívate IX, que combina formación teórica e práctica para obter a titulación oficial
Curso-monitor-cervo-xullo-2026
22 Jul 2026

O Concello de Cervo puxo en marcha unha nova edición do Curso de Monitor/a de Tempo Libre, unha acción formativa integrada no programa Avívate IX que reúne a 17 mozos e mozas interesados en obter a titulación oficial e ampliar as súas oportunidades de inserción laboral.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou unha das sesións do curso para coñecer de primeira man o desenvolvemento da formación e compartir un encontro co alumnado e coa monitora responsable, Alicia. Durante a visita, animou aos participantes a aproveitar ao máximo esta experiencia formativa e destacou o seu valor tanto no ámbito profesional como persoal.

A rexedora subliñou que este tipo de iniciativas permiten á mocidade adquirir habilidades e coñecementos que poden facilitar o acceso ao mercado laboral, ao tempo que fomentan o desenvolvemento de competencias útiles para o seu futuro. Neste sentido, convidou ao alumnado a implicarse activamente nas sesións e sacar o máximo proveito da formación.

García Caramés tamén tivo palabras de recoñecemento para Alicia, encargada de impartir o curso, agradecendo o seu compromiso e a metodoloxía empregada para facer das clases un espazo dinámico, participativo e práctico.

O curso combina contidos teóricos con actividades prácticas para preparar aos participantes no desempeño de tarefas vinculadas ao lecer educativo. Unha vez rematada a formación, os alumnos estarán capacitados para traballar en campamentos, programas de conciliación, actividades deportivas e culturais ou proxectos de educación non formal.

Desde o Concello de Cervo destacan que esta proposta forma parte da súa aposta por ofrecer formación de calidade á mocidade, favorecendo a adquisición de novas competencias, mellorando a empregabilidade e promovendo alternativas de ocio educativo e saudable.

0.1193540096283