Cervo estrea un Punto de Encontro Familiar para dar servizo a toda a Mariña

A Mariña conta desde hoxe cun novo Punto de Encontro Familiar, un servizo especializado situado en Cervo que nace co obxectivo de favorecer as relacións familiares en situacións de conflito, garantindo sempre o benestar dos menores e o cumprimento das resolucións xudiciais sobre visitas e intercambios.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou as novas instalacións acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e polo presidente da Fundación Dignidade, Fernando Pérez, entidade encargada da xestión deste recurso. O inmoble foi cedido polo Concello e acondicionado pola Consellería de Política Social e Igualdade cun investimento de 235.000 euros.
A posta en marcha deste servizo supón un importante avance para as familias da comarca, xa que dará cobertura aos concellos da Mariña e evitará que moitos menores e os seus familiares teñan que desprazarse ata Lugo para cumprir co réxime de visitas ou realizar os intercambios establecidos xudicialmente.
A Xunta destinará máis de 400.000 euros ao concerto social coa Fundación Dignidade durante os próximos tres anos, ata mediados de 2029, garantindo así a continuidade deste servizo de apoio ás familias.
O Punto de Encontro Familiar contará cun equipo integrado por tres profesionais especializados en protección da infancia e prestará atención de xoves a domingo, en horario de 8.15 a 16.15 horas. O recurso ofrece un espazo neutral e supervisado para facilitar os encontros entre menores e proxenitores ou familiares, asegurando que se desenvolvan nun ambiente adecuado e seguro.
Ademais de supervisar o cumprimento das medidas xudiciais, o equipo técnico realizará un seguimento individualizado de cada caso e comunicará aos servizos de protección de menores da Xunta calquera indicio de posible situación de desprotección que poida detectarse durante a intervención.