Cervo esixe á Deputación reactivar as obras do enlace coa N-642 e o polígono de Cuíña

AMariñaXa
O Concello solicita un calendario claro e garantías orzamentarias para rematar unha infraestrutura clave para a seguridade viaria e o desenvolvemento económico
concello-de-cervo-edificio-1
4 Sep 2025

O Concello de Cervo volve situar sobre a mesa a importancia de completar o enlace directo entre a estrada N-642 e o Polígono Industrial de Cuíña, unha actuación que consideran esencial para o progreso económico do municipio e para reducir os riscos de tráfico pesado no núcleo de Figuerido.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, lembrou que a Deputación Provincial de Lugo asumira no seu momento o compromiso de levar a cabo a obra e chegou mesmo a iniciar un primeiro tramo, que posteriormente quedou paralizado. Mentres tanto, os vehículos pesados continúan circulando por estradas locais que non están preparadas para soportar tal carga, xerando perigos para os veciños, danos en vivendas próximas e molestias ambientais e acústicas.

Para mitigar este impacto, o Concello implantou medidas como badéns redutores de velocidade e sinalización que prohibe a circulación de camións, aínda que recoñece que non conta con persoal suficiente para un control estrito.

No escrito remitido á Deputación, Cervo reclama claridade sobre a intención da institución respecto á finalización do enlace, solicitando un calendario de actuacións e confirmación de que existe un compromiso orzamentario que asegure a execución da obra.

“Non podemos permitir que unha infraestrutura clave quede sen rematar, nin que os veciños de Figuerido sigan sufrindo un tráfico que nunca debería pasar por alí. Agardamos unha resposta clara e responsable da Deputación”, destacou a rexedora.

Desde o Concello lembran, ademais, que en 2021 xa se presentara unha proposta aprobada no pleno municipal solicitando avances, que naquela ocasión non obtivo resposta, polo que agora insisten na necesidade dunha contestación que defenda os intereses do municipio e da súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.16953992843628